Inicio Carballo ao día Hemeroteca Principian os traballos de reforma integral do...

O PRAZO DE EXECUCIÓN PREVISTO É DE 10 MESES

Principian os traballos de reforma integral do mercado carballés coa sinatura da acta de replantexamento

Martes 13 de abril do 2010

Dos 14 postos exteriores, 13 téñense trasladado ao primeiro andar. A excepción é o quiosco de prensa, que, debido á natureza da súa actividade, presentou unha alegación pedindo permanecer no seu posto exterior o maior tempo posible. A petición foi atendida, non só polo seu horario de apertura, que inclúe domingos e festivos, senón pola natureza do seu negocio. Por outra banda, o Goberno local espera poder abordar na sesión plenaria de abril a relocalización dos postos de alimentación do interior do edificio para que, do mesmo xeito que os exteriores, poidan seguir desempeñando a súa actividade nalgún outro punto do mercado cando lles corresponda a quenda da reforma.

O proxecto de reforma integral do mercado municipal de Carballo foi elaborado pola empresa coruñesa Abadeus Arquitectura SLP e o financiamento corre a cargo do Ministerio de Vivenda na súa práctica totalidade. Así, o Goberno central asinou un convenio co Concello polo que se realizou unha achega de 1,8 millóns de euros que xa se fixo efectiva nun cen por cen no ano 2009, antes incluso do comezo dos traballos, polo que a Administración Local tan só achega 81.446,32 euros. Así mesmo, o acordo recolle que as obras deben estar rematadas nun máximo de 24 meses despois da sinatura do convenio, algo que ocorrerá con toda seguridade, xa que o prazo de execución ofertado é de 10 meses e o convenio asinouse a finais de 2009.

Na proposta de Abadeus Arquitectura hai que subliñar a creación de tres andares (un soterrado), así como dun ascensor e dous montacargas. Na planta baixa estarán situados os postos dos concesionarios, mentres que a primeira estará destinada a usos múltiples. Está previsto que a faciana do edificio sexa acristalada, mentres que os accesos ao mercado estarán situados na Gran Vía, por un lado, e cara a Praza do Concello polo outro. Os traballos comezan despois de que xa estean listos os últimos trámites, como o visto bo para o plan de seguridade e saúde e a sinatura da acta de replantexamento.

Compartir: