Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Compañía Quique Peón abre...

VENRES 16 DE ABRIL ÁS 21.00 HORAS

A Compañía Quique Peón abre o programa de Primavera enDanza co espectáculo 'Ovay'

Mércores 14 de abril do 2010

A proposta de Quique Peón, coñecido xa dos escenarios carballeses, mestura os movementos tradicionais galegos coa danza contemporánea sen perder o cerne do espírito popular, da nosa expresividade e sentimentalidade, tanto na expresión masculina como na feminina. En 'Ovay' recoñecen 'o noso' a través da fusión da música, do canto, do baile, da percusión e do teatro. O espectáculo conta coas catro estacións do camiño da vida, os catro puntos cardinais da nosa existencia e os catro elementos da nosa alma, conceptos universais e atemporais encrucillados, ante os que nos movemos a cegas sen comprender o sentido do noso ser. Porque o sentido do noso ser está na fusión de todos eles e só se alcanza coa íntima comprensión da nosa multiplicidade.

Quique Peón é un bailarín cunha intensa relación con Carballo e Bergantiños e ben coñecido polos afeccionados ao baile tradicional, afronta este reto en solitario despois de levar moitos anos traballando no eido da música e a danza tradicional de Galicia como investigador e divulgador. Desde o ano 1981 é o director do grupo de música e baile tradicional Xacarandaina, formación que proxecta e difunde o folclore tradicional galego en numerosos festivais nacionais e internacionais. A Compañía Quique Peón nace en 2008, data na que Henrique Peón Mosteiro decide crear este proxecto artístico despois de trinta anos de investigación etnográfica de Galicia, coa teima de explorar as múltiples posibilidades dos movementos tradicionais da escena moderna. Nesta nova andaina, Quique Peón dedica os seus esforzos á produción de espectáculos de danza galega, tanto a nivel nacional como internacional, por medio da programación cultural tanto privada coma institucional.

Compartir: