Inicio Carballo ao día Hemeroteca Uxía P. Vaello presenta o...

SÁBADO 27 DE ABRIL ÁS 21.00 HORAS

Uxía P. Vaello presenta o espectáculo 'Assemblage' no marco do programa Primavera enDanza

Venres 16 de abril do 2010

O corpo, a presenza, a palabra, a percepción, a realidade e a imaxinación son os elementos principais que conforman 'Assemblage', formulándonos preguntas como: coñezo a miña imaxe mellor que o que me mira desde fóra?; ou, de onde proceden as imaxes que xorden da miña cabeza?. Trátase dun espectáculo de danza teatro con ingredientes de xéneros como a 'performance' ou a instalación, cun forte compoñente visual onde a imaxe está moi presente a través da proxección de vídeos e fotografías. A Uxía P. Vaello, Laura Lizcano e Rafaela Salvador téñense sumado nesta proposta o fotógrafo portugués Nuno Tavares e o coreógrafo andaluz Guillermo Weickert. O proxecto contou co apoio da Asociación Vo'Arte de Lisboa, do Centro Coreográfico Galego, da Agadic, do Teatro La Rinconada de Sevilla, da Junta de Andalucía e da Asociación Assas de Palco de Guimarães.

As tres mulleres principais artífices de 'Assemblage' teñen unha nutrida traxectoria no mundo da danza. Uxía P. Vaello desenvolve o seu traballo en danza contemporánea en Galicia dende 2007, despois da súa volta de Lisboa, onde cursou estudos de danza na Escola Superior de Dança. En solitario creou 'Arder nun Hotel' e en colaboración con outros artistas: 'Play' e 'Rewind', dúas pezas de teatro danza con Borja Fernández. Laura Lizcano é formada en danza clásica e contemporánea, traballou como intérprete para Producciones Imperdibles, La Tarasca, El Punto e Pilar Pérez Calvete, entre outros. É coreógrafa e directora artística de Bikini.ducc, compañía para a que ten realizado un total de 8 espectáculos de danza. Rafaela Salvador fórmase en música e danza entre 1990 e 2006. Ten realizado traballos de creación propia en danza e vídeo, coreografiado óperas, protagonizado campañas publicitarias, dobrado filmes e impartido clases de danza contemporánea.

Antes de 'Assemblage', o venres 16 de abril ás 21.00 horas a Compañía Quique Peón abre o programa de Primavera enDanza con 'Ovay'. Para obter máis información sobre este espectáculo, premer aquí.

Compartir: