Inicio Carballo ao día Hemeroteca A compañía madrileña...

VENRES 23 DE ABRIL ÁS 20.00 HORAS

A compañía madrileña Aracaladanza presenta o espectáculo infantil 'Pequeños paraísos' en Primavera enDanza

Martes 20 de abril do 2010

Incluído no ciclo En familia, dirixido a nenos e nenas, 'Pequeños paraísos' ofrece maxia e fantasía, a esencia dos pequenos paraísos inspirados no imaxinario, nos personaxes e no mundo surrealista do famoso cadro do Bosco, 'O xardín das delicias'. A sorprendente coreografía, un abraiante vestiario, uns monicreques convertidos nunha bailarina máis, unha atractiva banda sonora e un coidado extremo dos pequenos detalles fan desta peza unha extraordinaria experiencia sensorial e estética. Un extraordinario espectáculo de danza contemporánea, repleto de maxia e ilusión e que desborda alegría. A proposta acolle criaturas desmedidas, presta atención ao xogo e á risa, recréase no instante, atrae a liberdade. Trátase dun traballo depurado que insiste no protagonismo dos obxectos e que, a pesares de estar dirixido aos máis cativos e cativas, tamén pretende rescatar ao neno ou nena que todos levamos dentro.

Aracaladanza é unha compañía de danza contemporánea madrileña coñecida polas súas propostas serias, rigorosas, sen concesións e de alta calidade. O seu coreógrafo, Enrique Cabrera, arrinca a súa traxectoria con forza, sendo dúas veces finalista no Certame Coreográfico de Madrid con '¿Esto queda?' en 1991, e con 'Visado para tres recuerdos, en 1992. A boa acollida dos seus traballos animan ao artista a constituír Aracaladanza. Dende entón, a súa carreira ten sido brillante, coa recollida de numerosos premios -como o Max ao mellor espectáculo infantil de 2008 precisamente por 'Pequeños paraísos'- e a realización de varias xiras internacionais. Na súa traxectoria figuran títulos que xa teñen visitado o Pazo carballés, como 'Maletas' e '¡Nada... Nada...!'. Cabrera ten logrado xuntar un grupo de artistas nun proxecto creativo que busca espectáculos de calidade para todos os públicos. As achegas fundamentais da música, do deseño, da escenografía, e dos creadores de monicreques forman un conxunto dedicado á difusión da danza contemporánea.

Compartir: