Inicio Carballo ao día Hemeroteca A compañía galega Pisando Ovos toma...

SÁBADO 24 DE ABRIL ÁS 21.00 HORAS

A compañía galega Pisando Ovos toma o relevo da danza infantil no programa de Primavera enDanza

Xoves 22 de abril do 2010

Descubrir o corpo a través da acrobacia, do movemento máis minimalista, da improvisación, do xogo escénico, son as claves para comunicarse co público e transmitir fantasía e obsesións, o común e o individual, e tamén unha oportunidade para redescubrirse. O espectáculo afonda na muller como tema. Segundo explica Rut Balbís, directora e intérprete desta proposta, "non existe a necesidade de reivindicar o noso sexo, nin defender ou criticar ningún aspecto social ou histórico da muller, simplemente queremos xogar co encontro de tres persoas, de tres mulleres que son condicionadas pola súa sexualidade á vez que das súas experiencias persoais a cerca dela".

Pisando Ovos é unha compañía de danza contemporánea con sede en Vigo, que comeza a súa traxectoria no ano 2004 e ten participado en moitos dos máis destacados festivais de danza contemporánea nacional e internacional como Dansa Valencia, TAC de Valladolid, SAT de Barcelona, Escena contemporánea, En pé de pedra, Feria Libro La Habana (Cuba), Bassano Festival de Italia o Mov - s Galicia, etc. A súa terceira produción '30.000', formou parte da programación de Primavera enDanza do ano 2008. Cun extracto de 15 minutos da súa segunda obra 'No intre 1800', a compañía obtén o primeiro premio no XXI Certamen Coreográfico de Madrid en novembro 2007.

Co obxectivo de que os espectadores se acheguen ao proceso de creación da danza contemporánea, e para facilitar o diálogo entre os creadores e o público, o programa de Primavera enDanza ofrece varios obradoiros e actividades. Así, aínda está aberto o prazo para anotarse no Taller de danza que imparte a esta compañía galega o sábado 24 de abril a partires das 12.00 horas. A responsable do obradoiro é a coreógrafa e bailarina Rut Balbís, que aproveita a presenza do espectáculo de Pisando ovos en Carballo para contactar co público. O obxectivo da actividade é achegarse á danza a través de diversos mecanismos, como o xogo escénico ou a improvisación. A inscrición é gratuíta e pode realizarse no primeiro andar do Pazo da Cultura en horario de oficinas. Máis información no 981 704 300.

Compartir: