Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acollerá a celebración dun...

INSCRICIÓNS ATÉ O 30 DE ABRIL

Carballo acollerá a celebración dun Curso de Panadería-Bolería incluído nas propostas da Rede Xiana

Xoves 22 de abril do 2010

A Rede Xiana (Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade non mercado laboral galego) ten como principal obxectivo o fomento do emprego en municipios da provincia da Coruña de menos de 50.000 habitantes. As persoas beneficiarias desta formación, deben estar en situación de desemprego inscritas como demandantes no Servizo Público de Emprego, ter cumpridos os 18 anos, estar empadroadas nalgún dos concellos pertencentes á Comarca de Bergantiños e Arteixo e, no caso de persoas emigrantes retornadas ou inmigrantes, deben acreditar que se atopan en situación regular no noso país. Ademais, o proxecto ofrece formación complementaria para as persoas que participen no curso previsto.

Esta formación consiste en proporcionar ás persoas formadas a través do proxecto ferramentas clave para a inserción, como son a capacidade de mobilidade e o asesoramento empresarial mediante a impartición de Cursos de Apoio á Obtención do Carné de Conducir Tipo B e Creación de Empresas. A planificación desta acción formativa adáptase á demanda do mercado laboral e á cambiante realidade social, coordinándose con outras liñas de actuación levadas a cabo por outras administracións de distintos niveis en materia de emprego. Neste senso, o proxecto ten prevista a posta en marcha dos cursos de Apoio á Obtención do Certificado de Profesionalidade para persoas participantes en aquelas accións formativas do proxecto que teñan recoñecido o certificado de profesionalidade correspondente ou algún módulo de competencia profesional.

Compartir: