Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello convoca a terceira edición dos...

INSCRICIÓNS ATÉ O 10 DE MAIO

O Concello convoca a terceira edición dos Premios Carballo Emprende para o fomento da cultura emprendedora

Venres 23 de abril do 2010

O III Premio de Programas de Fomento da Emprendeduría ten os obxectivos específicos de promover a cultura emprendedora no ámbito educativo; impulsar a creación de proxectos empresariais; e apoiar os programas formativos que teñan como principal obxectivo o fomento da emprendeduría. Poderán participar nesta categoría os centros educativos e entidades sen ánimo de lucro que programen actividades ou accións encamiñadas á consecución destes obxectivos. Todos os programas presentados deberán desenvolverse nos municipios das comarcas de Soneira, Fisterra e Bergantiños. Para valorar as candidaturas teranse especialmente en conta os seguintes criterios: o número de persoas beneficiarias do programa; o contido do programa e a súa vinculación coa realidade económica e social dos municipios incluídos na convocatoria; o carácter innovador do programa.

O III Premio de Ideas Empresariais ten os obxectivos específicos de promover a cultura emprendedora; impulsar a creación de proxectos empresariais; e facilitar a creación de postos de traballo e presentar o auto emprego como unha opción viable para a inserción laboral. Poderán participar no Premio de Ideas Empresariais os socios/as promotores dunha empresa de nova creación ou calquera emprendedor/a ou grupo de emprendedores/as que teñan un proxecto de empresa con compromiso de posta en marcha. Neste caso, todos os proxectos de empresa presentados deberán poder ser desenvolvidos no municipio de Carballo. Para valorar as candidaturas teranse especialmente en conta os seguintes criterios: a viabilidade da idea empresarial; a vinculación do proxecto coas necesidades económicas e sociais do municipio de Carballo, a Comarca de Bergantiños e a Costa da Morte; o carácter innovador do proxecto; así como a creación de emprego, directo e indirecto.

Os interesados e interesadas poden descargar as bases ao completo, así como os impresos de solicitude, nesta mesma nova. Poden obter máis información no 981 704 100 e no 981 757 693.

Compartir: