Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Circuíto de Motor de Bértoa...

O SÁBADO 1 E O DOMINGO 2 DE MAIO

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle a I Proba do Campionato de España de Quadcross

Venres 23 de abril do 2010

Iván René Barreiro apunta que está prevista a presenza de pilotos que o ano pasado estiveron nos primeiros postos do Campionato de España, que consta de catro probas ao longo do ano 2010. A de Carballo é a única prevista para Galicia e o noroeste peninsular, estando confirmadas xa probas en Zaragoza e Valencia. A organización considera que esta cita é unha boa oportunidade para os pilotos que corren no Campionato Galego para medir as súas forzas cos pilotos a nivel nacional e esperan a asistencia dun elevado número de afeccionados. A organización explica, así mesmo, que está prevista a celebración de adestramentos libres non oficiais o sábado para darlle unha oportunidade aos pilotos foráneos de que se familiaricen co Circuíto de Bértoa e recoñezan as pistas. As cronos comezan o domingo ás 8.30 horas e as carreiras a partires das 11.30.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou durante a presentación da proba a importancia de que o Circuíto de Bértoa acolla probas da importancia do Campionato de España de Quadcross. Destacou que o balance do ano 2009 é altamente positivo e mencionou unhas pequenas transformacións que se teñen feito dende o ano pasado no circuíto, non só a nivel estético, senón tamén a nivel de competición. Segundo explicou o Xerente do Padroado Deportivo, Francisco García Bello, "son algúns retoques para que os pilotos se atopen máis cómodos", especialmente nalgúns saltos e baixadas. Ferrero tamén subliñou que o Concello pon as instalacións a disposición das entidades que o desexen co obxectivo e que "sexa un circuíto vivo e qe o empreguen o maior número posible de persoas", especialmente nunha comarca en nun municipio "que contan cunha grande afección ao motor".

Compartir: