Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado o expediente de contratación para...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado o expediente de contratación para o subministro e instalación de maquinaria para o proxecto Fórum Carballo

Luns 26 de abril do 2010

A sesión da Xunta de Goberno tamén supuxo a aprobación dun contrato administrativo especial de arrendamento de catro despachos no Centro de Promoción Económica de Carballo (CPEC) situado no polígono de Bértoa. Estes espazos serán destinados ao uso das funcións propias das asociacións de carácter empresarial que se atopen debidamente inscritas no Rexistro Municipal de Entidades e Asociacións de Participación Cidadá do Concello de Carballo que concorran a este concurso público. O prezo máximo de renda mensual que aboará o contratista arrendatario será como mínimo de 65,5 euros por metro cadrado anuais. Este prezo poderá ser mellorado á alza polos ofertantes. O edificio do CPEC conta con dúas plantas, 8 despachos (3 na planta baixa e 5 na superior) e unha sala de reunións, e cun total de 216,46 metros cadrados. Nestes momentos alberga a Antena Local da Cámara de Comercio en Carballo e a Técnico de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello.

No apartado de convenios, saíu adiante un acordo entre o Concello e a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) para o desenvolvemento de medidas de dinamización empresarial, fomento da emprendeduría e consolidación de empresas. Mediante este convenio o Concello e Axober colaboran na organización de citas como as Xornadas de Enerxías Renovables, que este ano teñen lugar a finais do mes de maio; Xornadas de Sensibilización, Formación e Reciclaxe; ou en accións publicitarias de promoción de sectores empresariais e na elaboración de guías, webs ou catálogos. Este convenio terá vixencia até o 31 de decembro de 2011. No que respecta aos convenios, aprobouse un acordo entre o Concello e Caixanova para a realización da 'V Semana do Libro e a Lectura', que se celebrará en Carballo entre o 9 e o 14 de maio. Por último, aprobouse o Convenio Musical 2010 que supón a concesión de subvencións a un total de 31 formacións musicais do municipio por un importe de 20.440 euros. Unha vez aprobado o texto do acordo, tan só queda a súa sinatura.

Compartir: