Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Brigada de Obras de Carballo rexistra durante o...

SUPÓN UN INCREMENTO DUN 14 POR CEN RESPECTO A 2009

A Brigada de Obras de Carballo rexistra durante o mes de abril un total de 90 avisos dos veciños e veciñas

Martes 4 de maio do 2010

En canto ás accións que máis teñen demandado os veciños e veciñas durante o pasado mes, destacan as relacionadas con Carballo Limpo, con 15 intervencións. Este servizo comprende diversas accións destinadas a conservar o medio ambiente grazas á colaboración da veciñanza, e dentro das súas funcións inclúense, por exemplo, os labores de desratización ou os de mantemento dos colectores de recollida de lixo e de recollida selectiva. Tamén se inclúen os servizos do Punto Limpo e o Punto Limpo Móbil, ademais da recollida de cartón a pé de porta. Hai que subliñar tamén as demandas respectivas aos servizos en xeral de auga, luz, recollida de lixo, saneamento ou teléfono, que neste caso supuxeron 16 chamadas por parte dos carballeses e carballesas. Porén, o servizo máis demandando segue sendo o de reparacións no alumeado público das parroquias, con 49 chamadas.

Respecto a outras áreas, neste mes de abril case non tiveron incidencias, con 6 avisos sobre mobiliario urbano ou instalacións municipais; 6 acerca dos sinais de tráfico e informativos do municipio; 1 sobre a limpeza de espazos públicos e zonas verdes ou 6 relativos ao arranxo do mobiliario público ou as instalacións deportivas. Non se ten rexistrado ningún aviso relativo ao arranxo de beirarrúas ou baches. No que respecta á distribución por parroquias, aquelas nas que se teñen experimentado máis incidencias son as de Carballo e Rus, seguidas de Sofán, Berdillo e Ardaña. Hai que subliñar que a Brigada de Obras de Carballo traballa a diario na realización de actuacións para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas e que ao longo dos catro primeiros meses do ano 2010 ten atendido case 400 demandas dos cidadáns.

Compartir: