Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Programa das Letras arrinca coa...

A MOSTRA ESTARÁ NO PAZO ATÉ O 2 DE XUÑO

O Programa das Letras arrinca coa presentación dun libro e a inauguración dunha exposición de Manuel Facal

Mércores 5 de maio do 2010

Antes da inauguración da exposición, presentouse un libro que afonda na traxectoria de Manuel Facal e que leva o seu nome. O volume, fundamental "para chegar a coñecer ao propio artista" tamén "funciona como unha exposición", segundo explicaba David Barro, da Editorial Dardo, e director da edición do libro, primeiro dunha serie que estará dedicada a 'Artistas Galegos'. Segundo Xavier Seoane, bo coñecedor da traxectoria de Facal e coautor dos textos, Manuel Facal é un "artista polifacético", que "xera novos mundos" non só a través do gravado, senón tamén a través da pintura ou a escultura. En canto ao seu estilo, para Seoane "empata moi ben o territorio e as orixes co avanzado e a vangarda", sempre na busca dunha "harmonía entre o ser humano e o mundo". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero quixo coas súas palabras afondar no recoñecemento do traballo de Facal para coa comunidade e a terra, sempre "achegando a Carballo expresións e sensacións que vivía con intensidade". Ferrero rematou dicindo que "como carballeses debemos estar agradecidos ao artista Manuel Facal".

Manuel Facal Ponte naceu en Carballo en 1943. Nos seus inicios dedicouse ao debuxo, con inspiración en Picasso, Dalí ou Urbano Lugrís. A mediados dos setenta trasladouse a Barcelona para estudar e traballar no deseño gráfico e téxtil. A súa dedicación ao gravado comezou durante a súa estadía en Londres, nos anos setenta. Coñeceu Nova York, onde afondou en novos modos de expresión, e foi ao norte de Europa para ensaiar representacións abstractas de animais. O seu dominio das técnicas de gravado levárono a realizar obras para artistas como Miró. Ten realizado exposicións en todo o mundo: Nova York, Londres, Porto Rico, Noruega, Galicia e Sudamérica, e ten presenza en importantes mostras colectivas de pintura e, sobre todo, de gravado. Está representado en museos de Galicia, Centro e Sudamérica, EE.UU., España, Países Escandinavos e Portugal. Coa presentación dun libro sobre a súa traxectoria e a mostra 'Galicia, será a miña xeración quen te salve?' o Concello de Carballo realiza a súa contribución para recoñecer o traballo de Manuel Facal.

Compartir: