Inicio Carballo ao día Hemeroteca Primavera enDanza remata co espectáculo...

VENRES 30 DE ABRIL ÁS 21.00 HORAS

Primavera enDanza remata co espectáculo 'Flexelf', da compañía catalana CIA Mudances

Mércores 28 de abril do 2010

'Flexelf' é un espectáculo interdisciplinar para todos os públicos que nace da propia palabra flexelf, do movemento dun punto que se converte en liña. Do corpo no espazo que se dobra, se engurra, se enrosca e repítese. Cada forma transfórmase e invítanos a unha viaxe con sorpresas e segredos, a descubrir que non todo é o que parece, ou a inventar que parece o que vemos. Todo é flexibilidade, reversibilidade, transformación, reflexo. O corpo e o movemento manteñen unha conversa con materiais diversos como vestiarios, esculturas, obxectos que bailan, músicas, xoguetes, luces, etc. A peza estreouse en decembro de 2008 no Mercat de les Flors de Barcelona e está dirixida pola propia Àngels Margarit, coa creación e interpretación de Fátima Campos, Isabel López, Roser López Espinosa, Joan Palau e Dori Sánchez. 'Flexelf' é unha aposta que contén unha atmosfera infantil e case circense na que se crea un universo imaxinario cunha grande sinxeleza e plasticidade.

CIA Mudances desenvolve un estilo baseado na procura dunha linguaxe e poética propios e na súa fascinación polo espazo, elemento principal do seu traballo, no que incorpora a música, a fotografía, ou o vídeo, entre outros elementos. Impulsora do Tensdansa, Festival Internacional de Danza de Terrasa (Barcelona), ten recibido ademais numerosos premios tanto nacionais como internacionais, como o Premio Cidade de Barcelona das Artes Escénicas (1993) ou o Premio das Artes de Cataluña (1999). No que respecta a Àngels Margarit, pertence á primeira xeración de bailaríns contemporáneos que xurdiu a finais dos anos 70 no Institut del Teatre de Barcelona. Despois, continuou os seus estudos en diferentes lugares de Europa e en Nova York. Dende hai 28 anos dedícase á danza nas súas diferentes facianas, como bailarina, coreógrafa e pedagoga. Crea CIA Mudances en 1985, a raíz do nome dun espectáculo protagonizado por cinco bailarinas que estrea ese ano e co que irrompe na escena internacional.

Compartir: