Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo festexa o Día das Letras cun...

ENTRE O 4 DE MAIO E O 3 DE XUÑO

Carballo festexa o Día das Letras cun programa dedicado aos libros, a música, a arte e o teatro

Luns 3 de maio do 2010

No que respecta ás actividades dedicadas especialmente ás letras, ademais da presentación do libro 'Manuel Facal' e a exposición sobre Uxío Novoneyra, destaca a celebración da V Semana do Libro e a Lectura, este ano con temática centrada na cidade e con actividades dirixidas aos máis cativos e cativas. O programa inclúe a celebración de contacontos, entre o 10 e o 14 de maio, a diario a partires das 18.30 horas, así como a participación dos nenos e nenas dos centros educativos do municipio na carreira educativa Correlingua, organizada pola Deputación provincial. Tamén destaca o maratón de lectura dedicado aos autores homenaxeados no Día das Letras Galegas titulado 'As letras en voces'. Trátase dunha cita xa tradicional que se celebra o día 17 no Xardín Municipal de 10.30 a 15.00 horas e para o que se pode reservar hora para participar no Pazo da Cultura ou no 981 704 300. Por último, dende o 18 de maio estará aberta ao público unha exposición de banda deseñada: 'Viñetas descubertas e Miña Terra Galega', coa selección de oito artistas galegos.

Outra das facianas do programa céntrase no teatro, comezando o xoves 6 de maio co Grupo de Teatro da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Carballo. Representarán en inglés 'Arnold in love; a day of surprises; I am nor a witch, you cutie', ás 20.30 horas no Pazo da Cultura. O venres 14 ás 21.00 horas o Pazo da Cultura acolle teatro con Cándido Pazó e 'Historias tricolores ou de como aqueles animaliños proclamaron a República', un texto divertido e unha función directa de inmediato contacto co público. A entrada custa 2,5 €, 2€ con prezo reducido. Ao día seguinte, o grupo de teatro Coro Vagalume ofrece a obra 'O testamento do Tío Nacho e Patiño', tamén ás 21.00 horas. A oferta teatral péchase coa comedia da Asociación Cutural 'A Piña' de Sofán que representa no Centro Social da Parroquia o día 22 'Telexornal serán da Televisión de Sofán'.

Por último, o programa do mes das Letras presta especial atención á música. Os nenos e nenas desfrutarán o día 18 a partires das 18.30 horas co concerto de música infantil 'Tic-tac', a cargo de Pablo Díaz. O propio día 17 terá lugar o tradicional Concerto das Letras, da Banda Municipal de Carballo e o alumnado do Conservatorio Profesional de Música ofrece o xoves 20 concerto 'Violíns e violas' baixo a dirección de Eduardo Coma. O IES Isidro Parga Pondal organiza o día 21 un concerto de danza e música e pola tarde o concerto 'Músicas do mundo'. E o Festival Mozart da Coruña visita Carballo en maio a través do Festival Express co Quinteto de Solistas da Orquestra Sinfónica de Galicia e 'Viento en popa' o sábado 22. Un variado programa que se complementa con outras actividades das asociacións municipais como concursos de pintura, festivais ou encontros culturais. Os interesados e interesadas en consultar o programa polo miúdo, poden facelo en pdf nesta mesma nova.

Compartir: