Inicio Carballo ao día Hemeroteca A regueifa, a maxia, o teatro, as...

DO DOMINGO 9 AO VENRES 14 DE MAIO NO PAZO DA CULTURA

A regueifa, a maxia, o teatro, as ilustracións ou a música centran as actividades da V Semana do Libro e a Lectura

Venres 30 de abril do 2010

O programa de actividades está dividido en varios apartados. Todas as actividades son gratuítas excepto o acto de clausura, o venres 14 de maio ás 21.00 horas, no que o coñecido actor e contador de historias Cándido Pazó presenta o espectáculo de narración escénica "Historias tricolores ou de como aqueles animaliños proclamaron a República". O prezo é de 2,5 €, de 2€ para estudantes e xubilados. Xusto o domingo anterior, a V Semana do Libro a lectura arrinca cunha cita presentada polo cómico Pedro Brandariz e na que participan catro centros educativos do municipio: o CEIP Nétoma-Razo; o CEIP Fogar; o CEIP Bergantiños; e o CRA Ponte da Pedra, representado pola Escola Unitaria de Berdillo. Cada un dos centros farase cargo, ben dunha representación teatral, ben dunha regueifa ou un contacontos a partires das 12.30 horas no Pazo da Cultura. En canto ao resto da programación, agrúpase en torno aos diferentes tramos de idade educativos, con actividades específicas para cada un deles, así como en torno ao profesorado e para o público en xeral:

  • Actividades concertadas cos centros de ensino. Entre o luns 10 e o venres 14 de maio (agás o xoves 13) entre as 9.30 e as 13.30 horas o salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura acolle unha serie de obradoiros dirixidos a nenos e nenas de distintas idades con temáticas variadas como a dramatización, a oralidade, a maxia, o teatro, a regueifa ou a gráfica e a escrita creativas.
  • Actividades para o profesorado. O persoal docente pode asistir de forma gratuíta durante cinco días entre o luns 10 e o venres 14 de maio, de 18.00 a 20.00 horas, a distintos obradoiros sobre temas como a ilustración, a literatura ou a expresión corporal. Estas actividades están homologadas pola Consellería de Educación por un equivalente a 10 horas lectivas. Os interesados e interesadas poden anotarse na páxina web da AS-PG.
  • Contacontos. O Pazo da Cultura tamén acolle entre o luns 10 e o venres 14 de maio sesións de contacontos. As citas son a partires das 18.30 horas no salón de actos do segundo andar, excepto o xoves 13, en que se ofrecerá un concerto titulado 'Tic-tac', á mesma hora, no auditorio.
  • Exposicións permanentes. Por último, o programa da Semana do Libro acolle varias exposicións. Así, está a do I Premio Compostela de Álbum Ilustrado; ou 'Galicia, será a miña xeración quen te salve?', dedicada a Uxío Novoneyra e elaborada polo gravador Manuel Facal e diversos poetas. Haberá, así mesmo, unha mostra de libros cedidos por varias editoriais colaboradoras, así como unha exposición de materiais elaborados polos alumnos e alumnas dos centros de ensino. O horario de visita será do luns 10 a venres 14 de 10.00 a 14.00 horas para os centros de ensino e de 18.00 a 20.00 horas para o público en xeral.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, resaltou a importancia de esta iniciativa para "que faga bos lectores e cidadáns libres". Agradeceu a presenza na presentación das actividades de Luciano Calvo e de Borja Crespo en representación dos patrocinadores, Conservas Calvo e Caixanova e felicitou o "esforzo dos profesionais que se implican nesta tarefa colectiva de promocionar o libro e a lectura". Os interesados e interesadas poden consultar o programa de actividades ao completo en pdf nesta mesma nova.

Compartir: