Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello fomenta a protección e...

LECER

O Concello fomenta a protección e difusión dos seus espazos naturais

Martes 19 de xullo do 2005

A diversidade do espazo natural de Razo - Baldaio é o principal atractivo lúdico - turístico do concello. Nestas case 1.000 hectáreas de superficie conflúen augas doces e salgadas e conta cunha extraordinaria flora. Este espazo privilexiado ofrece unha ampla gama de actividades lúdicas dende a observación de aves ata a práctica de do surf en mar aberto, pasando polas rotas a cabalo, o sendeirismo, o parapente dende o monte Neme ou o mergullo.

Para os afeccionados á pesca o lugar idóneo é o río Anllóns, ao seu paso por Carballo, onde se poden atopar troitas e algún salmón. As diferentes áreas recreativas polas parroquias que atopa ao seu paso este río, ofrecen tamén posibilidades de lecer ao aire libre. Destaca tamén o espazo natural do bosque do Añón, moi próximo ao núcleo urbano de Carballo onde a vexetación da beira do río se mestura cos carballos, un dos lugares máis frecuentados polos carballeses cando a praia aínda non era aprezada como espazo de entretemento.

O areal Razo - Baldaio, un dos máis extensos de Galicia grazas aos 5,5 km de lonxitude, conta co distintivo europeo á calidade Bandeira azul, e cada ano incrementa o número de visitantes. Carballo conta tamén con outras praias para lle ofrecer ao visitante, son a de Baldaio, a de Leira, a de Pedra do sal e a de Santa Mariña.

Outro espazo natural de destacado interese turístico é a fervenza de Entrecruces, un salto de auga de máis de corenta metros rodeado dunha espesa vexetación de grande valor paisaxístico e ecolóxico. Nos arredores pódense visitar tamén tamén restos de antigos muíños e dunha central hidroeléctrica que no pasado abasteceu de enerxía a vila.

Compartir: