Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle o Sector zonal do Campionato de...

VENRES 27, SÁBADO 28 E DOMINGO 29 DE ABRIL

Carballo acolle o Sector zonal do Campionato de España de Balonmán en categoría Xuvenil Masculina

Xoves 26 de abril do 2012

O presidente das Escolas de Balonmán Xiria, Alex Cousillas, explicou que a cita tamén conta cunha faciana lúdica, xa que o sábado pola mañá, ao non haber enfrontamentos da competición, haberá unha cita na que os benxamíns, alevíns, infantís e cadetes disputarán partidos contra o Xiria Fogar e o Balonmán Xallas de Santa Comba. A presentación tamén contou coa presenza do delegado territorial da Federación Galega de Balonmán, que resaltou a cita como unha forma de seguir promocionando o deporte de base e tamén como unha mostra de que as cousas están a facerse de forma correcta. Por último, o Alcalde de Carballo e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixeron subliñar a importancia de que unha cita deste tipo teña lugar en Carballo. Trigo resalta que "nestes tres días xerarase un importante movemento que repercutirá no sector hostaleiro local, tanto en aloxamento como en restauración", xa que, non só está previsto que veñan os equipos participantes, senón tamén os seus familiares e equipos de toda Galicia que teñen sido invitados para desfrutar da competición. Ferrero quixo destacar o elevado nivel deportivo da cita, con clubs que teñen sido campións de España e incluso de Europa na súa categoría e que teñen sido primeiros ou segundos na liga regular na presente temporada. Así mesmo, gabou a grande temporada do Ifecgás Pereira Xiria, xa que "ser campión galego contra escolas de tantísima tradición da proba do nivel que ten o balonmán en Carballo".

Por último, dende a organización, tanto Fernando Vázquez como Álex Cousillas quixeron agradecer o esforzo que se ten realizado para que Carballo poida acoller esta proba. Primeiro dende o propio Balonmán Xiria, pero tamén coa axuda da Xunta, da Deputación, das Federacións Galega e Española, e "especialmende dende o Padroado Deportivo Municipal e o Concello de Carballo, sen quen sería imposible organizar isto", segundo Cousillas. Tamén tivo verbas de agradecemento para os patrocinadores, Ifecgás Pereira, Calvo e Xolda. Os interesados e interesadas poden descargar máis información e o cadro de enfrontamentos nesta mesma nova. Así mesmo, a organización informa de que os marcadores dos diferentes partidos poderán seguirse en directo a través das redes sociais en Facebook e Twitter, na páxina de Balonmán Xiria.

Compartir: