Inicio Carballo ao día Hemeroteca Tiana, establecemento gañador do II...

AS PLATEIRAS E MÓNICA VECINO ACADARON O 2º E 3º PREMIO

Tiana, establecemento gañador do II Concurso de Escaparatismo do Plan de Mellora da Imaxe Comercial

Venres 27 de abril do 2012

O concurso enmárcase dentro das actuacións do Concello, a través da Concellaría de Promoción Económica, para fomentar actuacións que dinamicen o comercio local. O certame ten como obxectivo complementar o Plan de Mellora da imaxe Comercial, así como premiar o esforzo dos establecementos participantes por mellorar. Hai que lembrar que ata 36 establecementos tiñan a posibilidade de optar ao concurso, once comercios que participaron no II Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo e os 25 que tomaron parte no I Plan, a excepción dos galardoados na primeira edición do certame (Estanco Varela, O Barco dos Soños, Adamela e Floristería Tropicana). O certame chega como complemento ao desenvolvemento do plan, que estableceu que cada un dos locais participantes contara cun informe especializado realizado por unha consultora a partir do que se elabora un dossier no que se analizan a faciana, o escaparate e o interior da tenda, así como a colocación do produto no establecemento. Así, os comerciantes dispoñen dunha análise de situación, unha diagnose e visitas personalizadas a cada local nas que se analizan os rótulos, a iluminación, o xeito en que están expostos os produtos, o mobiliario ou a rendibilidade do punto de venda. Con eses datos elabórase un informe coas carencias e fortalezas da tenda, ademais dunha ficha técnica do establecemento. O obxectivo final é axudar ao tecido comercial a que mellore o rendemento do seu negocio.

Compartir: