Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carlos Callón gaña o VIII Premio a...

ACCÉSIT: PARA ALBA CID FERNÁNDEZ

Carlos Callón gaña o VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo dotado con 1.000 euros

Venres 27 de abril do 2012

O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo «El veloz murciélago hindú comía feliz cardillo y kiwi...», da estudante ourensá Alba Cid Fernández, e recoméndalles aos medios colaboradores a súa publicación. O artigo cuestiona de maneira crítica o apropiamento da linguaxe e das palabras por parte do poder para cambiarlles o significado, para mudar o imaxinario da xente. E isto enmarcado cunha linguaxe inclusiva e cun imaxinario moderno. Alba Cid (Ourense, 1989) é estudante de Filoloxía Galega e gañou numerosos premios literarios, como o de Relatos de Verán de La Voz de Galicia, o Ánxel Casal, GzCrea, o Francisco Añón, etc. O xurado do VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa e colaboradora de diversos medios; Marcos Abalde, escritor e gañador da edición 2011 do certame; Pepe Blanco Alborés, técnico de normalización lingüística; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto. Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.

O xurado agradécelles a todos/as os/as autores/as a súa participación e sinala que «a convocatoria do Premio cumpre os seus obxectivos de promover a reflexión sobre a situación da lingua galega», e que «a calidade dos traballos presentados é alta», polo que anima aos autores e autoras non premiados/as a difundir e publicar os seus artigos. Nas sete edicións anteriores deste certame foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, María Pilar García Negro, Marica Campo ou Marcos Abalde. O artigo gañador publicarase nos medios de comunicación colaboradores o domingo 20 de maio, no caso dos medios diarios, e no número inmediatamente posterior a esa data no caso dos medios non diarios. O acto de entrega de premios levará por nome "Vitaminas para o galego", como apoio á campaña de difusión dos medios de comunicación en galego, e nel haberá un concerto de Sés, a revelación musical da tempada. Será o mércores 16 de maio, ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo, e a entrada é libre e gratuíta.

Compartir: