Inicio Carballo ao día Hemeroteca A exposición fotográfica...

EN HORARIO DE 18.00 A 21.00 HORAS NO ANDAR -1 DO PAZO DA CULTURA

A exposición fotográfica "Nicaragua: unha realidade viva" do Fondo Galego de Cooperación: en Carballo até o 14 de maio

Xoves 3 de maio do 2012

A mostra divídese en tres bloques para dar a coñecer a situación que se está a vivir en Nicaragua. As xentes e o día a día do seu traballo e das súas vidas centran un dos apartados, tentando xerar unha sensación de empatía e proximidade no espectador. Outra sección plasma o traballo de Solidariedade Galega no departamento de Nueva Segovia, ao norte do país, que consistiu na elaboración dun programa de capacitación no eido da sanidade. Os destinatarios eran médicos, enfermeiras, parteiras e a rede conformada por brigadistas da saúde, bombeiros, policía e exército. Formouse a grupos de cada comunidade e aportáronse os medios necesarios para que eles trasladen á súa vez eses coñecementos a outros profesionais. Os mergulladores de Puerto Cabezas protagonizan a terceira parte da exposición, na que se explica a problemática destes traballadores. Ao careceren da formación e instrumentos axeitados para somerxérense, a pesca da lagosta mediante o mergullo autónomo condúceos a enfermidades con graves secuelas (paraplexías, tetraplexías) ou mesmo directamente á morte.

As administracións locais e provinciais asociadas ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dispoñen en exclusiva da mostra fotográfica "Nicaragua: unha realidade viva" antes de que pase a algún dos museos e salas de exposicións máis recoñecidas de Galicia. Trátase de achegar en primicia á poboación daquelas vilas que contribúen á cooperación internacional as realidades que os seus esforzos axudan a mellorar. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 93 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Compartir: