Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Semana do Libro e a Lectura cumpre sete anos en...

ENTRE O DOMINGO 6 E O VENRES 11 DE MAIO

A Semana do Libro e a Lectura cumpre sete anos en Carballo coa temática da superstición e baixo o lema "12+1"

Venres 4 de maio do 2012

O presidente da AS-PG, Xoán Costa, afirma que é "un orgullo que despois de sete anos nos encontremos con que a demanda supera as nosas posibilidades de oferta", xa que está previsto que 2012 sexa o ano no que máis nenos e nenas participen. Costa subliña que "é meritorio que o Concello manteña este tipo de actividades", especialmente porque aglutina as "tres patas da educación", familia, alumnado e profesorado, sempre coa arela de "proporcionar novas formas de achegarse á lectura". A VII Semana do Libro e a Lectura comeza o domingo 6 de maio ás 12.30 horas. Nun acto presentado por Rubén Pérez, de Palimoco Teatro, actuarán cativos e cativas de Carballo con: "Mamasiña que medo!" de Chus Pereiro e interpretada polo grupo de teatro da ANPA A Granxa do CEIP Bergantiños; "A historia de Manuel do Campo", con alumnado de 3º de Primaria do CEIP Canosa-Rus; e poderá verse "Un can e un gato"; unha curtametraxe dixital realizada polo alumnado de Educación Infantil da escola de Berdillo do CRA Ponte da Pedra. Respecto da natureza dos obradoiros que se desenvolven de luns 7 a venres 11 de maio, inclúen como temática os monicreques, a ilustración, a ciencia divertida, a cociña, a poesía ou o teatro. Están dirixidos exclusivamente a alumnado dos centros de ensino. Respecto das actuacións para o público en xeral son tamén de luns a venres, ás 18.30 horas e contan con grupos como Baobab Teatro, Talía Teatro ou Elefante Elegante.

Xoán Costa tamén quixo precisar que por motivos orzamentarios este ano fíxose necesario suprimir do programa os obradoiros dirixidos ao profesorado dos centros de ensino. Por último, continúan as tradicionais exposicións permanentes . A mostra de ilustradores galegos "Habelos, hainos. AGPI"; una exposición de libros cedidos polas editoriais; e unha mostra de materiais elaborados polos alumnos e alumnas dos centros de ensino de Carballo. O horario de visita destas exposicións é de 10.00 a 14.00 horas para os centros de ensino e de 18.00 a 20.00 horas para o público en xeral. Francisco Felípez, director da oficina de La Caixa en Carballo, quixo mostrar a satisfacción da súa entidade de poder colaborar coa difusión da cultura. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar a participación na cita, que só nos obradoiros para os centros de ensino supera os 1.200 cativos e cativas. Lembrou o resultado "fantástico" da iniciativa en anos anteriores e quixo tamén lembrar o "fundamental" traballo do profesorado no desenvolvemento da cita, xa que sen eles non sería posible". Os interesados e interesadas poden descargar o programa de actividades ao completo nesta mesma nova.

Compartir: