Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo celebra o mes das Letras en honor de...

AS LETRAS EN VOCES: O DÍA 17

Carballo celebra o mes das Letras en honor de Valentín Paz-Andrade con música, festivais, teatro, libros e exposicións

Luns 7 de maio do 2012

O maratón "As letras en voces" contará, así mesmo, coa apertura musical da Banda Tradicional de Gaitas, que dirixe Xesús Moreira, e coa actuación das corais Riveiras do Anllóns e o coro da Asociación COEI (Comité de Orientación para Emigrantes Italianos). Outra da sorpresa da maña do día 17 é a intervención no acto de varios compoñentes da mítica formación cultural carballesa, Xocaloma. A cita inclúe o XXXII Concurso Infantil de Pintura Luís Calvo da AC Lumieira e por último, e como novidade este ano, o maratón rematará co tradicional Concerto das Letras da Banda de Música Municipal de Carballo que por primeira vez terá lugar no Xardín Municipal a partires das 13.30 horas. Outro das citas máis relevantes do programa ten lugar o mércores 16 de maio a partires das 21.00 horas. Trátase de "Vitaminas para o galego", un pequeno festival que pretende darlle enerxía ao uso e prestixio da lingua galega. A entrada é libre e gratuíta e o acto tamén serve de marco para entregar o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, que recaeu en Carlos Callón por "Fai o teu galego" e que tamén supuxo un accésit para Alba Cid. A cita será presentada pola actriz, escritora e contacontos, Xograresa de Outono, Paula Carballeira; e contará coa actuación en acústico de Sés, un grupo galego que está formado pola cantante carballesa María Xosé Silvar e polo guitarrista Tito Calviño.

No que respecta ao resto do Programa das Letras, no apartado musical hai que subliñar o Concerto Violíns de Remate, o xoves 24. Un recital de violín con Julia Arca, Patricia Fuentes e Nerea Lema, alumnas do último ano de violín do Conservatorio Profesional de Música de Carballo e dirixidas por Eduardo Coma, profesor e violinista de Lúar na Lubre. Tamén hai que subliñar a actuación do Quinteto de Cordas Cimarrón, o xoves 31. Ofrecerán un concerto de música cubana, da súa terra amosando o mellor do seu repertorio, que inclúe unha colaboración con David Bisbal e con Eduardo Coma. Por último, no apartado musical hai que mencionar o Concerto Aniversario do Coro Aires de Bergantiños e os Encontros Culturais de Arume. A achega teatral do programa corre a cargo da Asociación Cultural Coro Vagalume, que ofrece o sábado 12 e o domingo 13 "Mary Poppins", Vagalume City" e "Unha de romanos". Tamén haberá contacontos para os máis cativos e cativas. O propio día 17 na Ludoteca a cargo de Charo Pita con "Fábulas no berce"; e o día 25, tamén na Ludoteca, con Títeres Cachirulo e "Bo rato cos ratos".

"Comarca natural de Bergantiños" e "Un mar de sensacións"

Por último, o programa presta especial atención aos libros e á lectura coa presentación de dúas novas obras. O sábado 19 ás 20.00 horas é a quenda de "Comarca natural de Bergantiños" de Salvador Parga Pondal. A cita está organizada pola AC San Campio de Cances e conta coa colaboración de Xosé Manuel Varela Varela, Xosé Pumar Gándara e Xosé María Varela Martínez. Tamén no Local Social de Cances permanecerá entre o 19 de maio e o 19 de xuño a exposición da fotógrafa Ana García "O soño azul". O venres 25 ás 21.00 horas é a presentación de "Un mar de sensacións. Rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte", un traballo que xunta a Xan Fernández e Rosalía Fernández Rial (pai e filla) para amosarnos a Costa da Morte dun xeito diferente. A cita está organizada polo Seminario de Estudos Comarcais e conta coa colaboración do Instituto de Estudos Bergantiñáns e o Concello de Carballo. Os interesados e interesadas en consultar o programa ao completo, poden facelo nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: