Inicio Carballo ao día Hemeroteca A maioría das demandas de veciños e...

REXISTRÁRONSE PRETO DE 500 AVISOS NO CONCELLO

A maioría das demandas de veciños e veciñas nos catro primeiros meses de 2012 refírense a actuacións de Carballo Limpo

Venres 18 de maio do 2012

O descenso nas peticións respecto de melloras no alumeado público en comparación co mesmo período do ano 2011 é dun 21,5 por cento, xa que o ano pasado este tipo de demandas supoñían un 65,5 por cento do total, mentres que neste exercicio supoñen un 44 por cento. Neste sentido hai que lembrar que o Concello carballés ten posto en marcha nos últimos meses varias medidas para optimizar o rendemento do alumeado, como a instalación de reloxos astronómicos e redutores de fluxo que permiten regular os arredor de 8.000 puntos de luz existentes no municipio. Pola contra, dentro dos datos da actividade das Brigadas municipais, o incremento das peticións relacionadas cos servizos de Carballo Limpo no primeiro cuadrimestre de 2012 respecto do ano anterior é dun 30,8 por cento, xa que en 2011 constituían o 13,9 por cento do total fronte ao 44,7 por cento de 2012. Dentro de Carballo Limpo, o Concello lembra que os cidadáns teñen á súa disposición o Punto Limpo e o Punto Limpo Móbil. O primeiro está situado no Polígono de Bértoa e funciona como lugar de recollida de todos aqueles obxectos ou materiais non orgánicos que a cidadanía non sabe onde depositar. O segundo funciona o primeiro martes de mes e retira electrodomésticos, mobles e outros enseres de gran tamaño do colector da mesma rúa onde se depositan. Debe solicitarse con alomenos 24 horas de antelación no teléfono 981 701 642.

Nas estatísticas respecto dos avisos efectuados polos veciños e veciñas do municipio no primeiro cuadrimestre de 2012, tamén hai que subliñar o incremento das peticións relacionadas cos servizos en xeral de auga, luz, recollida de lixo, saneamento ou teléfonos, con 38 avisos en 2012 fronte aos 26 de 2011. Por último, analizando os datos por parroquias, como vén sendo habitual a capital municipal carballesa e Sofán acaparan a maioría das peticións, mentres que Rebordelos, Vilela e Aldemunde case non rexistran actividade.

Compartir: