Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os cativos e cativas do CEIP Fogar abren a semana...

AS XORNADAS CONTINÚAN ATÉ O SÁBADO 26 DE MAIO

Os cativos e cativas do CEIP Fogar abren a semana de actividades do 25 aniversario dos Voluntarios de Protección Civil

Luns 21 de maio do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, foi o encargado de inaugurar oficialmente estas xornadas xunto co Concelleiro de Seguridade, Xosé Regueira, e o presidente da Agrupación de Voluntarios, José Luis Barca Añón. Ferrero quixo deixar claro ante os cativos e cativas que os voluntarios "chámanse así porque non reciben ningunha remuneración e actúan como auténticos profesionais". Subliñou a idea de que "Carballo facémolo entre todos" e que "todos somos imprescindibles" para logo desexarlles aos nenos e nenas que se comprometan "con Carballo, cos amigos e co conxunto da sociedade". Barca Añón tamén destacou que os voluntarios simbolizan un valor, que é o de "ofrecer o seu tempo libre para axudar aos demais", un valor que "é o que debemos inculcar". Así mesmo, subliñou que o labor da Agrupación debe centrarse na "prevención e na auto protección", polo que Protección Civil está negociando cos centros escolares e coa Xunta a posibilidade de que a partir de agora e durante o curso escolar, alomenos cada centro carballés teña un ou dous días dedicados a fomentar a prevención con actividades impartidas pola Agrupación.

Pola súa banda, Xosé Regueira explicoulles aos cativos e cativas que "o máis importante destas xornadas é que aprendades que no futuro a sociedade vai precisar de todos e todas vós". Respecto do horario das actividades que se desenvolven ao longo de toda a semana, os obradoiros teñen lugar no auditorio e salón de actos da nave 1 do Fórum, así como na explanada exterior (ou nos talleres das naves interiores en caso de choiva) entre as 10.00 e as 18.00 horas e adaptarán os seus contidos para o alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO, para os maiores, para as amas de casa e para os integrantes de Aspaber. A exposición está aberta até o sábado 26 de maio para o público en xeral de 18.00 a 20.00 horas e contará coa presenza de voluntarios para explicar os seus contidos. As xornadas contan coa colaboración, ademais do Concello, da Xunta e a Deputación e co patrocinio de Carrefour, Coca-Cola e Calvo. Precisamente todos os nenos e nenas que participan nos obradoiros reciben unha bolsa con algo de bebida e comida, e varios obxectos de recordo.

Compartir: