Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno adxudica a redacción do...

LUZ VERDE A CONVENIOS PARA A REALIZACIÓN DE PRÁCTICAS LABORAIS

A Xunta de Goberno adxudica a redacción do Proxecto Anllóns-Bardoso de mellora do subministro de auga potable

Luns 21 de maio do 2012

No apartado de convenios, a orde do día incluíu ata catro acordos. Hai que subliñar a aprobación do Convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Santiago Apóstol de Ciencias Sociales, entidade xurídica titular da Escola Universitaria de Traballo Social, e o Concello de Carballo para a realización do practicum das titulacións da Escola Universitaria de Traballo Social (EUTS). Este acordo establece a colaboración entre as partes para o desenvolvemento de prácticas tuteladas do alumnado da EUTS (que determinará o número de prazas dispoñibles) nas dependencias do Concello de Carballo durante dous cursos académicos. Tamén no apartado educativo, recibiu luz verde un Convenio da Universidade da Coruña co Concello de Carballo para a realización de prácticas externas extra curriculares dos estudantes da Facultade de Economía e Empresa nos centros de traballo municipais. Neste caso, a duración das prácticas será de entre un e cinco meses cun máximo de 5 horas diarias. Será a propia Facultade a que seleccione aos alumnos beneficiarios e neste caso a vixencia é dun ano académico.

En terceiro lugar, aprobouse o Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Rural e do Mar e o Concello de Carballo para a participación na prevención de incendios forestais mediante a realización de tratamentos preventivos en vías, camiños e outras superficies forestais de titularidade municipal, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR (Programa de Desenvolvemento Rural) de Galicia 2007-2013. O obxectivo é evitar os lumes ou, en todo caso, minorar as súas consecuencias económicas e ambientais. Os traballos consistirán na xestión da biomasa forestal nas vías e camiños, que deberán quedar limpos da vexetación con maior facilidade de ignición. A Consellería financia os traballos cun 57,56 de achegas do Feader e o importe máximo subvencionable é de 130 euros por hectárea limpa. Por último, fóra da orde do día, saíu adiante un convenio co Club Ciclista Carballo-Placasa para o desenvolvemento de actividades ao longo do ano, como por exemplo as rutas polo Concello. Igualmente fóra da orde do día aprobáronse as resolucións para a concesión das subvencións para ANPAS para o ano 2012 e para o desenvolvemento de viaxes escolares, tamén para o ano 2012.

No apartado de expedientes de contratación, aprobouse o Contrato administrativo de servizos do "Mantemento das aplicacións informáticas de xestión municipal", incluíndo o Concello de Carballo e o Padroado Deportivo Municipal. O prezo máximo de licitación é de 191.038 euros para os catro anos de duración inicial do contrato (sen prórrogas) e o único criterio de valoración para a adxudicación é o factor prezo. Así mesmo, retirouse da orde do día e quedou sobre da mesa o Contrato administrativo de servizos para as "Actividades de verán no Programa Concilia". Para rematar, a Xunta de Goberno supuxo o visto e prace para a autorización de catro vaos permanentes e a concesión de seis licenzas de obra e unha licenza de obra e apertura.

Compartir: