Inicio Carballo ao día Hemeroteca Formación, innovación e venta...

O TURISMO ACTIVO: A ÁREA CON MAIOR POTENCIALIDADE

Formación, innovación e venta online: os retos do sector turístico en Carballo e comarca segundo a Cámara de Comercio

Martes 22 de maio do 2012

No que respecta ao estudo, as súas conclusións reflicten unha panorámica polo miúdo do sector turístico da zona, identificando os produtos turísticos "emerxentes" máis interesantes para Carballo e a súa área de influencia. Todo enmarcado no novo escenario mundial que supón a crise económica, así como os cambios que se están producindo, tanto no modelo económico como nos hábitos de consumo. A Antena de Carballo ten identificado ata 19 produtos emerxentes na Costa da Morte, entre os que se atopan o turismo activo, o cicloturismo, o turismo ecuestre, o submarinismo, a náutica, etc. Tamén hai que subliñar o turismo solidario, neste caso relacionado coa catástrofe do afundimento do "Prestige", que segue a xerar visitas, o turismo histórico, o etnográfico, o cinematográfico, o relixioso e espiritual (coa prolongación do Camiño de Santiago), o termal ou de saúde, o destinado a solteiros/as e o da terceira idade. Respecto de estatísticas, o estudo indica que o turista español supuxo un 80 por cento do total, mentres que o estranxeiro acada un 20 por cento, cunha porcentaxe cada vez maior. Os países con máis turistas foron Alemaña, Francia, Italia e Portugal. Así mesmo, tense detectado un descenso na demanda nos últimos anos, tanto en viaxeiros como en estadía media, a causa da crise.

Respecto dos retos para o sector turístico, o estudo da Cámara presenta oito: o apoio á formación de emprendedores coa xestión do talento con capital humano cualificado; a xestión do coñecemento e intelixencia turística, mellorando a cooperación entre as empresas privadas e o sector público para desenvolver novas ferramentas; a innovación turística, mellorando a eficiencia dos procesos de xestión e aplicando as novas tecnoloxías para ofrecer novos produtos; incrementar o valor engadido, cun esforzo por obter produtos personalizados que sexan altamente valorados polos clientes; a comercialización e marketing online, ofrecendo a posibilidade de xestionar as visitas por Internet; a implantación de produtos turísticos emerxentes, con novas opcións que estean dispoñibles todo o ano para reducir a estacionalidade; o desenvolvemento sostible, xa que para moitos turistas, especialmente os de maior poder adquisitivo o medio ambiente constitúe un factor relevante á hora de elixir destino; e fomentar a cooperación sectorial en produtos turísticos emerxentes, xa que os novos escenarios de competencia global fan necesaria a comunicación para crear un mix de produtos turísticos, os denominados "clubs de produto".

Compartir: