Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación dun Plan...

CRÉANSE 64 NOVAS PRAZAS DE ZONA AZUL

O pleno aborda a aprobación dun Plan Económico Financeiro para o Concello vixente durante o período 2013-2015

Venres 25 de maio do 2012

Outro dos asuntos recollidos na orde do día refírese á aprobación inicial da modificación da Ordenanza fiscal nº 13 reguladora das taxas pola retirada de vehículos. Así, o Concello está financiando parte do custo da grúa, xa que as sancións non están axustadas ao prezo real do servizo. Con esta modificación actualízanse as cotas ao importe real das facturas. As cifras son as seguintes: para motocicletas e vehículos de ata 2.500 kg: 66 euros e 70 euros en domingos e festivos; para vehículos de entre 2.500 e 4.500 kg, 83,05 euros; e para vehículos de máis de 4.500 kg, 108,27 euros. No caso de que a grúa se desprace, pero non se efectúe a retirada, abóase o traslado que ascende a 35,05 euros. O pleno tamén aborda a aprobación inicial do texto refundido da Ordenanza Xeral sobre circulación e utilización das vías públicas do Concello de Carballo. Con este texto unifícase e ordénase nun único regulamento o uso do viario público, ademais de ampliarse o ámbito de aplicación da Zona Azul. Así, e dado que a administración local considera que esta medida contribúe a mellorar a regulación do estacionamento no centro carballés, habilitarase Zona Azul na marxe esquerda impar da rúa Álvarez de Sotomaior; na marxe dereita par da rúa Gravador Manuel Facal; en toda a rúa Barcelona até o cruce coa rúa Luís Calvo; e na rúa Luís Calvo na marxe esquerda dos números 11 (intersección coa rúa Saúde) ao 23.

No apartado de ordenanzas, o pleno servirá tamén para efectuar a aprobación inicial do texto articulado da Ordenanza municipal reguladora da limpeza, salubridade e hixiene. Así, nestes momentos o Concello ten en marcha un proceso para adxudicar o contrato do servizo de recollida de lixo. O obxectivo desta aprobación é o de adaptar a normativa ás condicións que se recollen no contrato e unificar o regulamento co prego de condicións recollido na licitación para que non existan disparidades no futuro. Nestes momentos catro empresas optan a este contrato. Outros asuntos de trámite que abordará a sesión son a designación de novos membros para a Comisión de deslinde entre o Concello de Carballo e o da Laracha para actualizalos despois das últimas eleccións; ou a actualización do Inventario Municipal de Bens do Concello de Carballo. O valor do patrimonio carballés é na actualidade de 260.782.360,55 euros, dos que 111 millóns refírense a edificios e construccións municipais. Por último, o pleno abordará unha moción do BNG sobre a paralización das obras da autovía Carballo-Berdoias, xa que o grupo considera que non están transcorrendo como deberían. O BNG solicita que se cumpran os prazos previstos e que "esta necesaria infraestrutura estea rematada en maio de 2013", en verbas de Evencio Ferrero.

Compartir: