Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle o 9 e 10 de xuño o III...

EXHIBICIÓNS NO PAZO DA CULTURA E NA PRAZA DO CONCELLO

Carballo acolle o 9 e 10 de xuño o III Batizado e Troca de cordas Abadá Capoeira

Xoves 7 de xuño do 2012

Respecto do programa máis polo miúdo, a cita principia o 9 de xuño co curso de capoeira do Profesor Teco (Río de Janeiro); pola mañá a cita e ás 10.00 horas en Don Ximnasio; e pola tarde a partires das 18.00 horas na sala de exposicións do Pazo da Cultura. O domingo 10 de xuño ás 11.00 horas o auditorio do Pazo da Cultura acolle o Batizado e troca de cordas, na que participan nenos e nenas, algúns incluso de menos de catro anos de idade. A cita inclúe unha exhibición, que se completa con outra demostración cunha Roda de capoeira ás 19.00 horas, xa pola tarde na Praza do Concello. A capoeira é unha loita (arte marcial brasileira) que combina moitas artes (artes marciais, música, canto e expresión corporal). Naceu no Brasil da evolución de varias loitas e tradicións africanas que chegaron ao país da man dos escravos que Portugal tivo que traer principalmente de Angola (África) entre os séculos XIV e XVI. Durante o seu encarceramento, os escravos tiñan prohibido a práctica de loitas, por este motivo os historiadores apuntan que comezaron a camuflar estas loitas con outras artes.

Despois da abolición da escravitude a finais do século XIX os escravos xa libres seguiron sendo explotados pola sociedade monárquica portuguesa. Lonxe de mellorar a súa condición social organizábanse en bandas criminais de todo tipo. Este feito fixo que a capoeira fose declarada polo goberno de Brasil unha arte prohibida, estivo a piques de desaparecer pero sobreviviu grazas a que foi ensinada de maneira clandestina nos barrios máis desfavorecidos de Salvador de Bahía. Hoxe en día e grazas ao labor de Manuel dos Reis Machado (Mestre Bimba), que dotou á capoeira dun método de ensino propio e dunhas normas para a súa práctica, esta disciplina practícase en todo o mundo, celebrándose numerosas competicións como os Xogos Ibéricos, Europeos e Mundiais. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, ou o Xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García Bello, quixeron agradecer o labor de difusión que Alberti e Pensado realizan na vila. Ferrero afirmou que dende o Concello "estamos obrigados a divulgar esta actividade deportiva" e a favorecer "que a xente teña a oportunidade de practicar este deporte". Os interesados e interesadas, poden descargar o cartel anunciador da cita nesta mesma nova.

Compartir: