Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo volve a transformarse en máscara...

DO 1 AO 8 DE MARZO NAS RÚAS E PARROQUIAS DO MUNICIPIO

Carballo volve a transformarse en máscara co Concurso de Disfraces e o Enterro da Sardiña do Entroido 2014

Xoves 27 de febreiro do 2014

Os bailes e festas de Antroido tampouco poden faltar. Así, a Concellaría de Terceira Idade que dirixe María del Carmen Regueira Baldomir patrocina dúas destas citas. En primeiro lugar, o Baile de Disfraces da Praza do Concello que segue ao Concurso e Desfile de disfraces comparsas e carrozas do domingo 2 de marzo. Así, despois do percorrido dos concursantes polas rúas Desiderio Varela, Gran Vía, Doutor Fleming e Valle Inclán ata o palco da rúa Colón, durante a deliberación do xurado a Praza do Concello acolle un baile durante o que terá lugar a entrega de premios. A música correrá a cargo da Orquestra Trébol. Ademais, a Concellaría de Terceira Idade prepara un Baile para maiores, o martes 4 de marzo ás 18.00 horas no Pazo da Cultura. Estará amenizado polo Dúo Libertad. Outro ano máis, os cativos e cativas teñen un lugar especial no Entroido carballés, neste caso coa celebración de obradoiros na Ludoteca Municipal: o luns 3 e o martes 4 a partir das 11.30 horas. E non hai que esquecer a animación de rúa. Desta volta, os encargados de levar a festa ao centro carballés serán "Os Charangos", durante a tarde noite do domingo 2 de marzo e durante o desfile; e a charanga "Quepasa", que animará e acompañará ao Enterro da Sardiña o martes 4.

Por último, hai que subliñar a colaboración das asociacións e entidades dos distintos barrios e parroquias para construír o programa do Entroido. Así, haberá baile de disfraces e festexos propios en Oza, Berdillo, Sísamo, Rus, Sofán, Razo, Cances e Ardaña. Así mesmo, o San Cristovo prepara unha festa con actuacións musicais e repítese a cita anual de Entroido do Casino de Carballo. O Alcalde, Evencio Ferrero, desexou que o tempo acompañe para que os veciños e veciñas gocen das actividades na rúa e que moitos visitantes se despracen a Carballo para participar dos bailes e festexos, e especialmente do concurso do domingo, no que xa hai apuntadas bastantes comparsas e carrozas. Os interesados e interesadas en obter máis información sobre as bases do Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas e do Enterro da Sardiña, poden clicar aquí. Tamén é posible descargar o programa de Antroido ao completo, así como as bases dos concursos e as follas de inscrición en varios documentos en pdf nesta mesma nova.

Compartir: