Inicio Carballo ao día Hemeroteca O "síndrome de Nagali" de...

NO ANDAR -1 E NO 3º ANDAR ATÉ O 6 DE ABRIL E 19 DE MARZO

O "síndrome de Nagali" de José Navas Aranda e a historia fotoxornalística de 2013 enchen de imaxes o Pazo da Cultura

Venres 7 de marzo do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, así como a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, arrouparon ao artista durante a inauguración da mostra. Ferrero quixo subliñar que a exposición "transmite unha sensación de momentos únicos" nunhas obras que achegan "a cor, a luz e a primavera". Poden visitarse até o 6 de abril no andar -1 do Pazo da Cultura, no horario habitual de 17.00 a 21.00 horas de luns a domingo.

Por outra banda, Mar Eirís lembrou que a partir de hoxe, venres 7 de marzo, o 3º andar do Pazo da Cultura acolle a mostra "Fotoxornalismo 2013", na que participan varios autores e que está coordinada pola Deputación da Coruña (na imaxe inferior esquerda). Trátase dunha exposición composta por fotografías captadas no último ano na provincia da Coruña por recoñecidos profesionais do fotoxornalismo. Mediante estas instantáneas, os 23 autores e autoras participantes achégannos todos os campos da actualidade, repasando os acontecementos e personaxes destacados e noticias do ano 2012 e parte do 2013. Con variadas técnicas e estéticas, os fotoxornalistas amosan que a realidade depende do ollo de quen a interpreta, e do dedo que preme no momento oportuno o disparador da cámara. Esta exposición naceu no ano 2000 co obxectivo de reunir aos profesionais que desenvolven o seu traballo na cidade da Coruña a través de diarios, revistas, gabinetes de comunicación e axencias de noticias trasladando a través das súas fotografías a realidade e a actualidade.

Nesta duodécima edición participan os fotógrafos Amador Lorenzo, Andy Pérez, J. Cabalar, Vanesa Casteleiro, César Delgado, César Quián, Eduardo Pérez, Iago López, Javier Alborés, Jesús Sancho, José Sánchez, Juan Varela, Marta Capote, Mero Barral, Moncho Fuentes, Paco Rodríguez, Carlos Pardellas, Patry Fraga, Pedro Puig, Quintana, Susy Suarez, Torrecilla e Víctor Echave. Neste caso, a mostra estará aberta ao público até o 19 de marzo, no mesmo horario de 17.00 a 21.00 horas.

Compartir: