Inicio Carballo ao día Hemeroteca Ferroser-Ferrovial cumpre un mes como...

A UTE AGRADECE A PACIENCIA E COLABORACIÓN DOS VECIÑOS E VECIÑAS

Ferroser-Ferrovial cumpre un mes como concesionaria do alumeado público e rexistra 400 avisos por mor dos temporais

Luns 10 de marzo do 2014

Esta Fase 1 leva consigo o mantemento e garantía total do servizo, xunto coa modernización e implantación de novas tecnoloxías nos sistemas de alumeado existentes. A devandita implantación consistirá no cambio de 7.500 luminarias, que cumpriron xa a súa vida útil, por equipos de tecnoloxía LED de última xeración, telexestión e renovación de cadros. Este novo modelo carrexará aforros enerxéticos superiores ao 80 por cento, mellorará a reprodución cromática e a visibilidade, e achegará unha maior seguridade cidadá. Como inicio das actividades de renovación de equipos, procederase na semana entrante, concretamente entre os días 10 e 11 de marzo, ao cambio de 40 puntos de luz como proba inicial en tres núcleos poboacionais. As zonas elixidas serán Ramil (parroquia de Sísamo), Vilar do Carballo (parroquia de Oza) e Castrillón (parroquia de Lema). Neste proceso de proba tomaranse medidas luminotécnicas para contrastar que se cumpren os niveis esixidos pola normativa e determinar as ópticas que mellor se adapten en cada unha das zonas ao alumeado existente.

Aviso de incidencias a través dun call-center ou a través do web

Ao mesmo tempo, o Concello de Carballo e Ferroser-Ferrovial queren informar do número de teléfono ao que terán que contactar os veciños e veciñas para trasladar calquera anomalía que se perciba no alumeado público. A partir de hoxe luns, 10 de marzo, está dispoñible o número 902 350 365, un servizo de Call Center da empresa concesionaria onde se recollerán os avisos que a poboación de Carballo queira comunicar durante as 24 horas do día, os sete días da semana. O custo da chamada é o mesmo que o dunha chamada inter provincial. Hai que lembrar, así mesmo, que a través de <www.carballo.org> no servizo Avisaweb os cidadáns, indicando o seu nome e o número de teléfono ou a dirección de enderezo electrónico, poden informar da existencia de puntos de luz fundidos, de avarías nun cadro de luz ou de calquera outro problema. Os usuarios e usuarias deben detallar a dirección do lugar no que viron a deficiencia e a data de detección. Mediante esta ferramenta, poden mesmo colgar fotografías e indicar nun mapa de Google Maps o punto exacto no que detecten a incidencia. De forma inmediata, unha vez cumpridos os datos, o cidadán recibirá un SMS ou un correo electrónico indicándolle que a súa notificación está recibida e en proceso de resolución. Posteriormente, cando os técnicos a solucionen, enviaráselle outro aviso informándoo de que a incidencia está emendada.

Compartir: