Inicio Carballo ao día Hemeroteca O proxecto "Derrubando muros con...

PRÓXIMAS ACTUACIÓNS NA RÚA BAIXA OU NAS CATRO PORTAS

O proxecto "Derrubando muros con pintura" entra nunha nova fase despois de rematarse o mural da glorieta da Rúa Sol

Martes 11 de marzo do 2014

No que respecta aos seguintes muros que mudarán de aspecto, a manchega Paula Fraile comezará a traballar no lateral dun edificio da zona das Catro Portas, nunha das principais saídas de Carballo á Coruña. Aproveitará as manchas de humidade da parede para integralas no mural e manterá os dous vellos carteis publicitarios que penduran do muro. A italiana Roberta Venanzi trasladarase agora á traseira da vella estación de autobuses. Aproveitará os módulos nos que está dividida a parede como fiestras e botará man de cores primarias e fortes e da combinación de figuras xeométricas e formas máis fluídas, de forma harmónica e respectando o entorno. Emi de las Heras traballará no número 11 da rúa Baixa. A súa será unha imaxe sutil, de influencia minimalista, e inspirada no mundo do circo. Pola súa banda, Mon Lendoiro actuará nun dos muros situados a carón do Parque de Rego da Balsa, e preto das obras xa mencionadas. O seu mural inspirarase en motivos infantís. Por último, nesta segunda etapa que pretende aproveitar o bo tempo da primavera, Lidia Cambón será a encargada de darlle nova vida á escola de Arrabales. Pintará por completo o seu exterior con motivos de inspiración infantil e cheos de cor.

Ademais deles, outros artistas como Cristina Castro, Eva Facal ou Santi Picos esperan a súa quenda para reflectir a súa creatividade nas rúas da vila. Incluso dende a Concellaría avanzan que no futuro podería pactarse a colaboración de artistas chegados da India ou de Xapón. Todo para conseguir que Carballo sexa unha referencia na arte urbana, mellore a imaxe da vila e o municipio sexa promocionado en numerosos puntos de España e do mundo grazas á súa aposta artística, algo que xa se ten acadado nunha primeira etapa grazas ao mural da rúa Sol.

Compartir: