Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Asociación Senda Nova pon en marcha...

O DOMINGO 16 DE MARZO CONMEMÓRASE O DÍA DA ÁRBORE

A Asociación Senda Nova pon en marcha unhas "Xornadas de interpretación dos bosques" en defensa da fraga atlántica

Martes 11 de marzo do 2014

As citas xa principiaron o luns 10 de marzo cos nenos e nenas do CEIP Bergantiños de Carballo, cunha actividade de interpretación das especies autóctonas. O destino foi a propia Ribeira da Pena, entre os concellos de Carballo e Cerceda. Alí, no espazo vertebrado polo río Abelleira, os escolares carballeses puideron gozar in situ dun dos bosques máis importantes da bisbarra (na imaxe). A segunda das citas é o propio domingo 16 a partir das 11.00 horas coa plantación e apadriñamento de árbores autóctonas no Horto ecolóxico situado na rúa Nardos da capital municipal. O sábado 22 está prevista unha charla faladoiro sobre "Ecoloxía, cultura e paisaxe no bosque da Ribeira da Pena" a cargo de Evaristo Domínguez Rial. A cita, de entrada libre, é a partir das 10.30 horas no Fórum Carballo. Ao día seguinte, o domingo 23, realizarase unha visita guiada e interpretativa pola Ribeira da Pena. A inscrición é de balde até o venres 21 de marzo no Horto Ecolóxico da Rúa Nardos. O programa continúa o sábado 29 cunha charla faladoiro sobre "As fragas do Eume", tamén ás 10.30 horas no Fórum Carballo; e remata o domingo 30 cunha visita ás propias fragas -por 15 €, 8 € para socios e menores-. De novo, a inscrición pode formalizarse no Horto da rúa Nardos. Os interesados e interesadas poden obter máis información consultando o programa completo das xornadas en pdf nesta mesma nova.

Compartir: