Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os Venres Culturais volven con dúas citas...

VENRES 14 E DOMINGO 16 DE MARZO

Os Venres Culturais volven con dúas citas teatrais: "As do peixe" de Cándido Pazó e os monicreques de "O Kikiroxote"

Mércores 12 de marzo do 2014

Abrabalabra Creacións Escénicas é a compañía creada por Cándido Pazó como plataforma para dirixir e estrear os espectáculos escritos por el mesmo. Desde o ano 2008 ten posto en escena case unha decena de funcións como "A piragua", "Memorias das memorias dun neno labrego", ou "Decamerón, historias para tempos ruíns", última das producións coas que Cándido Pazó visitou Carballo. "As do peixe" ten cinco nomeamentos na edición 2014 dos premios María Casares ao mellor vestiario (Carlos Alonso), mellor texto orixinal (Cándido Pazó), mellor actriz protagonista (Susana Dans), mellor dirección (Cristina Domínguez) e mellor espectáculo. Tamén "Decamerón, historias para tempos ruíns" está nomeado como mellor espectáculo revelación nos Premios Max de Teatro 2014. A produtora, Abrapalabra Producións Escénicas, xa comezou a recoller galardóns pois unha das actrices, Mónica Caamaño, acaba de recibir o premio de interpretación teatral Maruxa Villanueva por esta obra.

O Xograr de Outono Kukas presenta "O Kikiroxote"A quenda para os cativos e cativas chega o domingo 16 de marzo con moita diversión e risas para toda a familia cos Monicreques de Kukas e "O Kikiroxote, aventuras e desventuras dun galo de curral". Co afán por estar ao día do que acontece, un galo de curral le os xornais compulsivamente. As malas novas vólveno un pouco tolo e pensa que el poderá arrancar o caótico mundo que o rodea, comezando polo propio curral. Así dan comezo as aventuras e desventuras do Kikirixote e Chancho Panza, unha particular homenaxe de Kukas ao Quixote, ma que o noso protagonista tentará resolver, con pouco éxito, todos os enredos deste divertido curral. Nesta farsa tamén haberá un amor idealizado, Dulcichoca, un granxeiro de carne e óso e máis de vinte monicreques que armarán esta fantástica historia cun final sorpresa.

Marcelino de Santiago (Kukas, Xograr de Outono do FIOT) e Isabel Rei fundan, en 1979, a compañía de marionetas máis antiga de Galicia e unha das de máis renome e proxección do panorama escénico galego, Os monicreque de Kukas. Na súa longa historia atopamos desde pequenos espectáculos a producións de gran formato, dirixidas a todos os públicos, ou colaboración con entidades como o Ministerio de Cultura, Xunta de Galicia, Real Filharmónica de Galicia, Centro Dramático Galego, Agadic ou o Xacobeo. A función terá lugar ás 18.00 horas no Pazo da Cultura e o prezos da entrada ordinaria é de 3 € e o prezo especial con desconto, para estudantes ou maiores de 65 anos, de 2 €. A compañía recomenda a función para nenos e nenas maiores de 5 anos.

Compartir: