Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación dun...

COMPARECENCIA DA VECIÑANZA DE ALDEMUNDE

O pleno aborda a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito de 55.000 euros e dá conta dun remanente de 6,8 millóns

Venres 28 de marzo do 2014

O Informe de intervención no que se recollen os datos da liquidación do pasado exercicio inclúe outros índices. Entre eles, que a 31 de decembro de 2013 a tesourería era de 6.130.262,46 euros, que os ingresos correntes liquidados ascenden a 19 millóns de euros ou as obrigas recoñecidas a 15 millóns de euros. Tendo en conta o remanente total de 6,8 millóns, e recollendo as recentes normas do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas sobre as previsións de dubidoso cobro, moito máis prudentes, o Concello de Carballo conta cun remanente de tesourería para gastos xerais de 5.858.626,42 euros, o que supón un incremento do 17,33 por cento respecto do ano anterior. Destes 5,8 millóns, o Alcalde explica que se poderá incorporar aproximadamente un millón e medio de euros para actuacións, sempre que se adapten ao criterio de sostibilidade. Porén, a lei implica restricións respecto á natureza destas actuacións, que só poderán afectar a ámbitos como os saneamentos, o tratamento de lixo, o alumeado público, proxectos medioambientais, enerxía, comercio, turismo, transporte, investigación ou xestión do coñecemento, entre outros. En todo caso, Ferrero cualifica a situación económica do Concello como "excelente", tengo cumprido a administración local tanto co principio de estabilidade como coa regra de gasto establecida polo Ministerio.

Seguindo cos asuntos económicos, o punto 3 da sesión recolle a concesión dunha bonificación dun 95 por cento da cota tributaria íntegra do ICIO (Imposto sobre Instalacións, Construcións e Obras) a unha empresa que se instalará na nova fase do Parque Empresarial de Bértoa. O Concello de Carballo establece que aquelas empresas que conten cun determinado volume de investimento e que creen emprego no municipio poden contar unha bonificación do 95 por cento no ICIO. Neste caso supón que se a empresa tiña que abonar 5.273 euros neste concepto, finalmente tan só terá que pagar 263,67 euros. Trátase dunha medida establecida polo goberno local para favorecer a actividade económica e a promoción do emprego. No apartado de contratación, a sesión recolle a aprobación dunha prórroga para o contrato administrativo de servizo público de "Limpeza viaria do Concello de Carballo" por concesión administrativa. Así, o 29 de marzo de 2004 adxudicouse a Aspaber este contrato, establecéndose que despois do período de dez anos do mesmo, Aspaber podería solicitar unha prórroga. Unha vez determinado que se cumpren os requisitos necesarios, o pleno debe ratificar a concesión desta prórroga. O pleno tamén inclúe a actualización do Inventario Municipal de Bens. Neste caso, a principal novidade é a incorporación dos bens do Padroado Deportivo Municipal, que despois de disolverse pasan a formar parte do patrimonio do Concello. Así, Carballo conta con 16.091 bens con un valor estimado de 266.512.290,05 euros. Destes bens 7.823 son inmobles, cun valor de 257 millóns; e 7.607 son bens mobles.

Mocións sobre a creación de emprego e sobre Adolfo Suárez

Tanto o BNG como o PP presentan cadansúas mocións diante do pleno. No caso do BNG, e despois da comparecencia no pleno de febreiro por parte da CIG, preséntase unha moción de apoio á iniciativa do sindicato. Así, o compromiso recolle manifestar o apoio da corporación municipal á proposición de lei de medidas para a creación de emprego en Galiza que está a impulsar por iniciativa lexislativa popular a Confederación Intersindical Galega (CIG) e dar traslado do mesmo á presidencia do Parlamento de Galiza, portavoces parlamentares e presidente da Xunta de Galiza. Tamén inclúe o compromiso de animar á veciñanza do concello a apoiar esta iniciativa lexislativa popular. Pola súa banda, o PP propón dedicarlle ao falecido Adolfo Suárez como mostra de merecido recoñecemento, unha rúa ou Praza relevante no municipio. Esta proposta colisiona cunha normativa municipal que recolle que non se deberán poñer nomes de rúas, prazas ou instalacións municipais a persoeiros dos que non teñan transcorrido cinco anos dende o seu pasamento. Porén, será o pleno o que determine a pertinencia da adopción do acordo. Entre os asuntos de trámite, a sesión tamén inclúe a designación do representante do Concello de Carballo no Consello Escolar da Escola Infantil A Braña. Proponse a designación de Inés Rodríguez, a nova Concelleira de Benestar.

Para rematar a sesión, inclúese a comparecencia de Óscar Vázquez Rama en nome e representación da veciñanza de Aldemunde, no marco do Regulamento de Participación Cidadá. Os habitantes da parroquia queren amosar a súa oposición a que se instale unha antena de telefonía móbil no Petón do Outeiro, unha instalación que estaría a 800 metros de distancia das vivendas máis próximas. O 14 de xuño de 2013 os veciños e veciñas presentaron un escrito solicitando que se reconsiderase a instalación da antena. Tres días máis tarde o DOG recolle a aprobación por parte do Consello da Xunta de Galicia da rede de infraestruturas de Retegal, na que precisamente se recolle a colocación desta antena. O 30 de agosto de 2013 Retegal presenta a solicitude de execución e licenza de obra na Oficina Técnica Municipal. O 14 de febreiro de 2014 a Oficina Técnica considera que a solicitude cumpre coa legalidade. Xa o 24 de marzo, e no mesmo día en que o solicitan, os veciños e veciñas teñen acceso aos planos e ao expediente da nova instalación e tres días despois demandan a comparecencia no pleno, que lles foi concedida. O Acalde, Evencio Ferrero, quere aclarar que o plan sectorial de infraestruturas está elaborado pola Xunta de Galicia e que a administración local tan só comproba que o proxecto se axusta á lexislación vixente á hora de conceder as licenzas.

Compartir: