Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado no pleno ordinario de marzo un...

AS MOCIÓNS CENTRARON O DEBATE DA SESIÓN PLENARIA

Aprobado no pleno ordinario de marzo un recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe de 55.000 euros

Martes 1 de abril do 2014

O pleno tamén supuxo, cos votos a favor de todos os grupos e a abstención do PP, o visto e prace para a actualización do Inventario Municipal de Bens. Neste caso, a principal novidade é a incorporación dos bens do Padroado Deportivo Municipal, que despois de disolverse pasan a formar parte do patrimonio do Concello. Así, Carballo conta con 16.091 bens con un valor estimado de 266.512.290,05 euros. Destes bens 7.823 son inmobles, cun valor de 257 millóns; e 7.607 son bens mobles. Porén, os asuntos que xeraron máis debate durante a sesión foron as mocións presentadas polos diferentes grupos. No caso do BNG, e despois da comparecencia no pleno de febreiro por parte da CIG, presentouse unha moción de apoio á iniciativa do sindicato. O compromiso recolle manifestar o apoio da corporación municipal á proposición de lei de medidas para a creación de emprego en Galiza que está a impulsar por iniciativa lexislativa popular a Confederación Intersindical Galega (CIG) e dar traslado do mesmo á presidencia do Parlamento de Galiza, portavoces parlamentares e presidente da Xunta de Galiza. Tamén inclúe o compromiso de animar á veciñanza do concello a apoiar esta iniciativa lexislativa popular. Saíu adiante cos votos a favor de BNG, cos votos en contra do PP e as abstencións de PSOE e TEGA.

Non foi aprobada, en cambio, a proposta do PP de dedicarlle ao falecido Adolfo Suárez unha rúa ou Praza relevante no municipio. Esta proposta choca cunha normativa municipal que recolle que non se deberán poñer nomes de rúas, prazas ou instalacións municipais a persoeiros dos que non teñan transcorrido cinco anos dende o seu pasamento. Ao abeiro desta ordenanza, que sigue directrices da ONU, votaron en contra da proposta os concelleiros do BNG. Pola súa banda, o PSOE abstívose e TEGA e PP votaron a favor. A moción rexeitouse tras o empate grazas ao voto de calidade do Alcalde, Evencio Ferrero. Así mesmo, o PP presentou unha moción polo trámite de urxencia para condenar a violencia en Madrid con motivo das mobilizacións do pasado 22 de marzo. A proposta foi aprobada cos votos a favor de PP, TEGA e PSOE e os votos en contra do BNG. A sesión contou coa comparecencia de Óscar Vázquez Rama en nome e representación da veciñanza de Aldemunde, no marco do Regulamento de Participación Cidadá. Os habitantes da parroquia amosaron así a súa oposición a que se instale unha antena de telefonía móbil no Petón do Outeiro, unha instalación que estaría a 800 metros de distancia das vivendas máis próximas. E o pleno rematou coa dación de conta do peche orzamentario definitivo do ano 2013. O goberno tiña presentado un avance das cifras en febreiro deste ano, e agora ofrecéronse as definitivas, que reflicten un remanente de tesourería total de 6.871.853,52 euros.

Compartir: