Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde para o expediente de...

APROBADO O CONVENIO DE ACTUACIÓNS MUSICAIS PARA 2014

Luz verde para o expediente de contratación para desenvolver un "Plan de dinamización de Ecoturismo en Razo-Baldaio"

Luns 7 de abril do 2014

Dentro do apartado de contratación, a sesión supuxo luz verde para unha prórroga dun ano para o contrato administrativo do servizo de "Limpeza de praias do municipio de Carballo" dende o día 2 de xuño de 2014 ao 1 de xuño de 2015. Así, unha vez cumprido o prazo inicial de adxudicación de catro anos por parte da empresa Eulen SA, mediante previo acordo das partes é posible prolongar a duración do contrato por dous anos máis mediante prórrogas anuais. Do mesmo xeito, a orde do día incluíu unha prórroga para o contrato administrativo de servizos de "Mantemento e conservación dos ascensores do Concello de Carballo", tamén por un ano máis entre o 28 de maio de 2014 e o 27 de maio de 2015 para o contratista ThyssenGroup Elevadores. Tamén no mesmo apartado, mais fóra da orde do día, aprobouse o expediente de contratación para o "Subministro, por renting, de dous vehículos con destino á Policía Local do Concello de Carballo", mediante procedemento aberto con varios criterios de adxudicación. O prezo do contrato sería de 49.215,21 euros cun importe mensual polos dous vehículos de 1.025,32 euros.

No apartado de convenios, aprobouse o Convenio marco de actuacións musicais a favor de grupos de música e danza tradicional, masas corais, orquestras, conxuntos e bandas de música para o ano 2014. Este acordo ten por obxecto contribuír á promoción da música e do folclore que se desenvolve no Concello, difundir o labor que as agrupacións musicais de persoas afeccionadas realizan ao longo do ano, así como colaborar coas diferentes entidades organización diversos actos culturais en Carballo, facilitándolles recursos que enriquezan as súas actividade. O Concello abonaralles ás entidades asinantes un máximo de dúas actuacións, que deberán realizarse no termo municipal e deberán ser públicas e gratuítas. No que respecta aos importes recollidos no convenio son os seguintes: grupos de música e danza tradicional (mínimo de 12 compoñentes) 350 €; grupos de gaitas (mínimo de 4 compoñentes), 260€; grupos de cantareiras (mínimo de 4 compoñentes), 260€; masas corais (entre 10 e 29 compoñentes), 260€; masas corais (a partir de 30 compoñentes), 425€; e orquestras, conxuntos e bandas de música (mínimo de 4 compoñentes), 350€. Fóra da orde do día, recibiu luz verde un convenio de colaboración coa Deputación da Coruña por un importe de 95.000 euros para financiar a campaña de dinamización económica "Quedamos en Carballo", un acordo que foi asinado a pasada semana. Para obter máis información, clicar aquí.

Subvencións para os programas de actividades e viaxes escolares 2014


No apartado de subvencións, a sesión supuxo a aprobación das Bases da convocatoria de subvencións ás ANPAs de alumnos e alumnas das escolas, colexios e institutos de Carballo para a realización do programa de actividades escolares 2014. Estas axudas teñen por obxecto colaborar coas Asociacións de Nais e Pais dos centros de ensino para desenvolver actividades que complementen as actividades académicas, realizándose un importante labor de dinamización cultural. O importe das axudas establecerase dependendo do número de alumnos e alumnas do centro educativo ao que pertenza a ANPA: en centros de menos de 50 alumnos, 300€; en centros de máis de 50 alumnos, 700€. Así mesmo, aprobáronse as Bases da convocatoria de subvención ás escolas ou colexios de 2º ciclo de Educación Infantil e/ou Primaria e Institutos de Educación Secundaria para a realización de viaxes escolares 2014. A subvención correspondente a cada escola, colexio ou instituto determinarase en función do número de alumnos/as do centro de acordo cos seguintes criterios: centros de menos de 50 alumnos, 120 €; centros entre 51 e 124 alumnos, 300 €; centros entre 125 e 400 alumnos, 475 €; centros entre 400 e 500 alumnos, 570 €; centros de máis de 500 alumnos, 660 €; cando un centro imparta clases a diferentes unidades en máis dun edificio separados en máis de 500 m, concederanse un mínimo de 120 € por cada edificio.

Fóra da orde do día, a sesión supuxo a aprobación das Bases de participación no programa Check-in Carballo, unha iniciativa da Concellaría de Promoción Económica que ten o obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade coa colaboración dos comercios situados na vila e co emprego da aplicación gratuíta Foursquare (app para móviles e tablets). A actividade ten lugar entre o 1 e o 26 de abril entre 27 comercios e locais hostaleiros. Máis información, aquí. Por último, a Xunta de Goberno Local incluíu a aprobación de tres licenzas de obra e unha licenza de obra e apertura.

Compartir: