Inicio Carballo ao día Hemeroteca O programa Primavera enDanza remata con tres...

VENRES 11, SÁBADO 12 E DOMINGO 13 DE ABRIL

O programa Primavera enDanza remata con tres espectáculos para todos os públicos chegados de Galicia e Madrid

Mércores 9 de abril do 2014

As propostas continúan o sábado 12 de abril co Centro Coreográfico Galego e a súa última produción, recen estreada, "Full House". Dous importantes creadores de danza contemporánea de prestixio internacional son os responsables da última produción do Centro Coreográfico Galego, o sueco Johan Inger e o francés Amaury Lebrun, que crearán cadansúa coreografía para a unidade de danza da Consellería de Cultura. A peza "Full House" supón o debut en Galicia de Johan Inger, un creador inventivo cun amplo espectro estilístico que vai do cómico e teatral, ao terreal e orgánico. As súas coreografías forman parte do repertorio de prestixiosos festivais e compañías de todo o mundo. Completa o programa "Magnificant" de Amaury Lebrun, unha reposición creada para o Centro Coreográfico Galego por este coreógrafo no ano 2011 para o espectáculo 3Dtres. Ambos coreógrafos traballaron supoñendo unha achega ao repertorio contemporáneo e teñen en común a sólida base de danza clásica, empregada para desestruturar os canons explorando e incorporando movementos novos nos que co espazo, a música e a iluminación, crean unha nova linguaxe escénica. O Centro Coreográfico Galego está dirixido,desde o ano 2010, pola bergantiñá, Mercedes Suárez. Este espectáculo comeza ás 21.00 horas e o prezo da entrada é de 3 €, 2 € con desconto. A duración prevista do espectáculo é de 60 minutos.

Aracaladanza volve para pechar a súa triloxía de pintoresPara finalizar o ciclo Primavera enDanza, o Pazo da Cultura contará coa compañía madrileña Aracaladanza, que volve a Carballo para presentar o seu novo espectáculo, "Constelaciones" (na imaxe). Esta produción está inspirada na obra creativa do pintor Joan Miró. Fiel ao espírito da compañía madrileña de danza contemporánea, cinco bailaríns buscan transmitir as emocións do universo do pintor no que as cores teñen movemento nun espazo indefinido. Este espectáculo conxuga moi intelixentemente as artes plásticas con danza, música e imaxinación, e presenta a marca de fábrica desta compañía a utilización de obxectos escenográficos. "Constelaciones" pecha a triloxía dedicada a comprender a xenialidade de pintores universais como El Bosco ou Magritte con espectáculos que tamén formaron parte de Primavera enDanza como "Pequenos Paraísos" e "Nubes". O traballo pioneiro realizado pola compañía dirixida por Enrique Cabrera converte a Aracaladanza nunha das compañías máis importantes de danza infantil de España e un referente internacional. Este espectáculo comeza o domingo 13 de abril ás 19.30 horas no auditorio do Pazo da Cultura e conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia. O prezo da entrada é de 5 €, de 3,5 € con desconto. A duración do espectáculo é de 50 minutos e está dirixido a todos os públicos a partir de 4 anos.

Por último, Primavera enDanza tamén se caracteriza polas súas actividades paralelas. Así, o venres 11 de abril ás 12.30 horas no IES Alfredo Brañas a Cía Licenciada Sotelo presenta "Silencio, por favor" ante o alumnado. O sábado 12 abril ás 13.00 horas no Xardín municipal ( en caso de choiva sería no mercado municipal), o Centro Coreográfico Galego presenta "Full House" cun aperitivo para os veciños e veciñas. E continúa a actividade "Como se crea un espectáculo de danza?", un encontro coas compañías Licenciada Sotelo e Centro Coreográfico Galego ao finalizar cada un dos seus espectáculos no mesmo auditorio do Pazo da Cultura.

Compartir: