Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Aula Municipal de Gravado expón o...

A MOSTRA: ATÉ O 11 DE MAIO NO ANDAR -1 DO PAZO DA CULTURA

A Aula Municipal de Gravado expón o resultado do traballo dos 20 creadores que participaron das ensinanzas de Manuel Facal

Venres 11 de abril do 2014

Na inauguración da exposición estiveron presentes, ademais dos 20 creadores das obras, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Cultura, Mar Eirís; e o gravador Manuel Facal, ademais do público asistente. O Alcalde quixo reiterar o seu agradecemento a Manuel Facal, non só por ter contribuído a crear símbolos recoñecibles para Carballo como as esculturas urbanas situadas na glorieta de Ponte da Pedra ou na de acceso ao Parque Empresarial de Bértoa ("Peixe" e "Escalo"), senón tamén por ofrecer a súa "colaboración desinteresada" para levar a cabo estes tres primeiros obradoiros que conformaron a Aula de Gravado Municipal, para que os que o Concello achegou as instalacións do Fórum Carballo e o material. Ferrero subliñou que "no noso pobo naceu un movemento artístico moi interesante que merece o apoio de todos os carballeses e carballesas" e que tamén se reflicte na iniciativa "Derrubando muros con pintura" que está mudando a faciana de moitas paredes e medianeiras do casco urbano. Para rematar, o Alcalde desexou que "o investimento que se fixo teña continuidade en novas actividades" e agradeceu tamén a participación dos creadores na Aula de Gravado.

A mostra pode visitarse entre o 11 de abril e o 11 de maio no horario habitual de 17.00 a 21.00 horas de luns a domingo no andar -1 do Pazo da Cultura. Na imaxe pode verse aos integrantes da Aula de Gravado co artista Manuel Facal. Tamén é posible descargar nesta mesma nova o cartel anunciador da exposición en pdf.

Compartir: