Inicio Carballo ao día Hemeroteca O I Festival Carballo InterPlay premiará...

ENTRE O 24 E O 27 DE ABRIL NO FÓRUM E NO PAZO DA CULTURA

O I Festival Carballo InterPlay premiará ás mellores webseries e transformará Carballo nun lugar de debate sobre o audiovisual

Luns 14 de abril do 2014

Durante a presentación da cita, na que tamén estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e as responsables da organización Sandra Lesta, Sonia Méndez e María Yáñez, subliñouse que o festival non pretende só "premiar ás mellores webseries", en verbas de Sonia Méndez, senón tamén "crear un espazo de debate" no que creadores e público realicen intercambios de impresións e se avance tamén no labor de "dar a coñecer as webseries ao público". Méndez quixo subliñar que, dende que se presentou o festival, xa a primeiros de febreiro de 2014, teñen recibido "moitas mostras de apoio de compañeiros e compañeiras do audiovisual", polo que tan só queda "agardar que haxa bastante poder de convocatoria para que a xente se achegue ao festival". Sandra Lesta quixo lembrar a importancia das actividades paralelas no festival, con citas como son Código Fonte Audiovisual coa presenza do coñecido actor e humorista Xosé Touriñán; dous concertos o venres 25 de abril na sala Dublín con grupos carballeses e o sábado 26 con Unicornibot e Calixta; a Master Class: Branded content o sábado 26 de abril; a Mesa Redonda: novas narrativas audiovisuais na web o venres 25 de abril; a presentación da webserie "Dos más dos cinco"; o Freaklances Project que emite, produce e distribúe webseries; ou incluso un vermú con CREA, un encontro informal entre directores de webseries; e a estrea internacional cun capítulo da webserie "Malviviendo", creada polos padriños do festival, David Sainz e Teresa Segura.

María Yáñez quixo destacar que as actividades paralelas "pretenden afondar no novo espazo que supón Internet dentro do mundo audiovisual", e reflexionar sobre os cambios que supón a Rede para este sector. Subliñou especialmente a actividade con Xosé Touriñán, na que o actor e humorista porá en común "os vídeos que están no seu ADN", aquelas referencias audiovisuais coas que se sinte máis identificado, facendo fincapé "na noción de Galicia que podemos extraer a través dos vídeos que se atopan en Yotube", en verbas de Yáñez. Durante a presentación, tamén se deron a coñecer os premios do festival, xa que ademais da dotación económica, con 5.200 euros en distintas categorías, os galardoados recibirán unha obra plástica única e orixinal realizada polo artista galego David Méndez Alonso. O festival premiará ás mellores webseries, mais tamén haberá premios á mellor actriz e ao mellor actor, ademais dun Premio do Público e un premio ao mellor guión patrocinado pola AGAG (Asociación Galega de Guionistas). O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, resaltou "o interesante proceso de maduración e creación" que ten seguido a organización do festival dende o seu comezo, e manifestou que para o Concello é "unha satisfacción" comprobar a repercusión que xa está tendo a cita, con más de cen propostas para a sección oficial. Ferrero subliñou que o audiovisual e as webseries en concreto, son un sector e un formato "polos que tamén se debe apostar" e desexa que este I Festival Carballo InterPlay "sexa o primeiro paso dun camiño moi longo".

Os interesados e interesadas poden ver nesta mesma nova a través de Youtube o teaser-trailer da webserie carballesa creada no taller do CIP, "Toñito, ti es especial". Tamén é posible descargar o programa completo de actividades do festival nun documento en pdf.

Compartir: