Inicio Carballo ao día Hemeroteca II Foro da Formación e a Empresa: un...

XOVES 24 E VENRES 25 DE ABRIL NO FÓRUM CARBALLO

II Foro da Formación e a Empresa: un escaparate para que o alumnado da comarca coñeza as súas opcións laborais de futuro

Martes 22 de abril do 2014

A cita comeza o xoves 24 de abril, de 10.00 a 20.00 horas, e remata o venres 25, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Estrutúrase arredor de diversas actividades, as que se desenvolven nos stands que ocuparán os distintos espazos do recinto do Fórum; en obradoiros especializados de actividades como mergullo, acuicultura ou carpintería; en conferencias no auditorio do Fórum, nas que se falará sobre as novidades do mundo educativo e nas relacións laborais; e en distintas aulas nas que os centros ofrecerán micro charlas nas que presentar a súa oferta formativa. Cada centro, segundo explica a orientadora do IES Parga Pondal, Pilar Seoane, tenta amosar actividades dinámicas e atractivas, que van dende obradoiros de elaboración de currículos ou de imaxe persoal, ata un Flashmob organizado polo alumnado do centro privado de formación profesional FESAN. Destaca a oferta da EFA Fonteboa de Coristanco, cun alumno que amosará as claves do acicalado de gando para desfiles, ou cun stand coa presenza dun tractor. Os obradoiros específicos serán de madeira, albanelería, mecánica, informática e cociña, e nas micro charlas terá presenza a EOI de Carballo ou o departamento de árabe da EOI da Coruña e a UNED. A organización espera que ata 2.000 rapaces e rapazas poidan aproveitar a información que ofrece o foro e observar a face práctica de moitas das actividades formativas e oficios.

Bolsa de prácticas para o alumnado

No marco do Foro, presentarase tamén unha iniciativa coordinada polo concello e polos centros educativos de secundaria carballeses para a creación dunha Bolsa de prácticas que poña en contacto a alumnado e empresas. Segundo explica Marcos Trigo, nestes momentos xa están listos os recursos necesarios, aproveitándose a infraestrutura xa existente na Bolsa de Traballo Municipal (BDT). Así, manexaranse perfís demandados polas empresas para que o alumnado poida realizar prácticas laborais e completar con elas a súa formación. Así mesmo, José Antonio Viña, do IES Alfredo Brañas, avanzou que está previsto intentar pechar unha cita no futuro na que se inclúa a presenza de centros educativos e do tecido empresarial doutros puntos de España para intercambiar experiencias e obter ideas para mellorar a inserción laboral. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou a vontade do Concello de "axudar a que esta segunda edición do Foro saia o mellor posible e que haxa unha terceira e seguintes", e que a xente "se dea conta de que a formación profesional é necesaria e un valor en si mesmo para acceder ao mundo laboral e empresarial".

Ademais de Evencio Ferrero, Marcos Trigo, Pilar Seoane e José Antonio Viña, na presentación do II Foro da Formación e a Empresa estiveron a directora do IES Monte Neme, Ana Alcalá; o director do IES Isidro Parga Pondal, Carlos Fernández; a directora do IES Alfredo Brañas, Mónica Mariño; Luis García, da EFA Fonteboa de Coristanco; e Julia Rodríguez en representación de Axober.

Os interesados e interesadas poden descargar o programa de actividades ao completo nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: