Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello reurbanizará a rúa...

O CONCELLO ABONA AS FACTURAS NUN PRAZO MEDIO INFERIOR A 15 DÍAS

O Concello reurbanizará a rúa Martín Herrera e mellorará vías e saneamentos, entre outras actuacións, con 1,5 millóns de euros

Venres 25 de abril do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quere subliñar que o remanente de tesourería para gastos xerais conta con 1.800.000 euros, pero que non se incorpora a totalidade do importe para contribuír a respectar a estabilidade orzamentaria esixida por lei. Tamén subliña que, tamén en aras da legalidade, todos os proxectos previstos contan cun informe de sostibilidade por parte dos técnicos municipais, un requisito imprescindible para que poidan levarse a cabo e no que se certifica que a actuación implica máis aforro que gasto ou ben que non vai requirir ningún tipo de mantemento nos próximos cinco anos. No apartado de asuntos económicos, a sesión tamén supón a dación de conta do Informe de intervención e tesourería do cumprimento da Lei 15/2010 de xullo de loita contra a morosidade. No primeiro trimestre de 2014, o Concello de Carballo pagou dentro do prazo esixido por lei de 30 días un total de 999 facturas por un importe de 2.025.502 euros cun período medio de pago de 14,85 días. Fóra do prazo establecido por lei, rexistráronse 48 facturas por un custo de 204.017,16 euros. Ferrero quixo subliñar que neste período, e por primeira vez, non se ten rexistrado ningunha factura pendente de pago a final de trimestre.

A sesión plenaria do mes de abril tamén inclúe na orde do día varios asuntos de trámite, varios deles relacionados coa recente disolución do Padroado Deportivo Municipal. Así, lévase ao pleno a aprobación do Regulamento do Consello Deportivo Municipal do Concello de Carballo. Este consello créase en substitución do desaparecido Consello Reitor do Padroado, e contará coa representación dun membro de cada un dos grupos políticos da corporación; de cinco representantes dos clubs e entidades deportivas elixidos polas propias entidades; e dun representante doutras asociacións municipais como ANPAs ou asociacións de veciños que adoitan celebrar citas deportivas. O organismo estará presidido polo alcalde ou concelleiro en quen se delegue. Así mesmo, a sesión inclúe a aprobación da normativa de uso das instalacións deportivas do Concello, que non rexistra cambios excepto para a simplificación dalgúns puntos. E un acordo para a imposición e ordenación de taxas nas instalacións deportivas municipais, Ordenanza número 22. Neste caso, o cambio supón un cambio nominal xa que se pasa de prezos públicos a taxas, pero non implica ningunha variación nos importes dos abonos, aínda que si a incorporación das taxas de uso do Circuíto Municipal de Motor de Bértoa.

Tres propostas no apartado de mocións

No apartado de mocións, a sesión inclúe unha proposta conxunta de todos os grupos municipais para solicitar a marcha atrás do anteproxecto de Lei orgánica do poder xudicial. O texto pide ante o Estado a retirada deste anteproxecto, xa que inclúe unha organización xudicial baseada na existencia dun único tribunal de instancia no ámbito provincial o que implica a supresión de todos os partidos xudiciais da provincia excepto o da Coruña, o que suporía a eliminación dos xulgados de Carballo. Así mesmo, recóllense dúas mocións de TEGA. A primeira pide que se aprobe con cargo á partida de mantemento de vías a reparación inmediata con grava e zahorra do camiño que vai a Porto da Rama e que se elabore un proxecto de asfaltado para que no próximo POS se inclúa con prioridade esta obra. Evencio Ferrero explica que nas actuacións que se realizarán con cargo ao remanente de tesourería xa se inclúe a reparación da vía e que non se considera o seu asfaltado porque "polo de agora non parece necesario ampliar o viario, senón manter o xa existente". A segunda moción de TEGA propón despexar a entrada da Avenida das Flores no entronque coa Avenida de Malpica a través dunha permuta do solar coñecido como casa Periscal por un solar que o Concello posúe no anterior polígono 29 e situado na futura rúa Nicaragua. Ferrero quixo sinalar que mentres o novo PXOM non reciba o visto e prace a ordenación urbanística está rexida polas normas subsidiarias polo que "non é o momento de iniciar este tipo de permuta".

Para rematar unha sesión con ata doce asuntos na orde do día, o pleno recolle a ratificación dun decreto sobre unha cuestión técnica respecto da garantía do contrato de limpeza viaria do que Aspaber-UTE é a empresa adxudicataria; e o sorteo para a selección dos compoñentes das mesas electorais para as Eleccións Europeas que terán lugar o 25 de maio de 2014.

Compartir: