Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Semana do Libro e a Lectura de Carballo cumpre...

DO 5 AO 9 DE MAIO NO PAZO DA CULTURA

A Semana do Libro e a Lectura de Carballo cumpre nove anos descubríndolle aos máis cativos e cativas o goce de ler

Luns 28 de abril do 2014

As actividades incluídas na Semana, segundo subliña Vilariño, están orientadas a ser unha maneira divertida de que os nenos e nenas se familiaricen "cun instrumento básico para achegarnos a calquera área do coñecemento". Con esa arela, os obradoiros que teñen lugar no Pazo da Cultura de 9.30 a 14.00 horas ofrecen temáticas moi variadas que van dende a maxia de Martín Camiña, ata aos típicos contacontos, pasando polo teatro de Elefante Elegante ou Baobab, a ilustración e a banda deseñada, a música ou incluso a arte, cun obradoiro que conta coa colaboración do artista local Mon Lendoiro. Xa polas tardes, ás 18.30 horas, as familias poden acudir ao Pazo da Cultura para gozar, unha vez máis, coa maxia, cos contos, con TrinkeTrinke e a súa aposta de combinar historias e cociña, e, por último, co humor de Peter Punk. No caso das visitas ás exposicións, o horario é de 9.30 a 14.00 hora polas mañás para os centros de ensino; e de 18.00 a 20.00 horas polas tardes para o público en xeral. Ademais, contribuirán á decoración e ambientación dos espazos do Pazo da Cultura dous artistas carballeses estudantes da Escola Pablo Picasso da Coruña: Lidia Cambón e Andrés Andrade.

Todo un cúmulo de actividades, experiencias e iniciativas que, en verbas de Luciano Calvo, supoñen "unha satisfacción" para a Fundación Luís Calvo Sanz, ao "cooperar para que non diminúan as actividades culturais en Carballo". O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou que "a través da lectura todos podemos imaxinar viaxes extraordinarios e sociedades marabillosas", por iso, considera que a Semana do Libro e a Lectura ten "moitísima importancia na sociedade de Carballo e especialmente na Educación Primaria". Por último, desexou que "a próxima semana sexa no Pazo un fervedoiro de artistas, escritores e creativos", e, como cada ano, todo un éxito. Os interesados e interesadas poden descargar o programa ao completo da cita nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: