Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aproba a reurbanización da...

UNANIMIDADE NA MOCIÓN A PROL DO PARTIDO XUDICIAL CARBALLÉS

O pleno aproba a reurbanización da rúa Martín Herrera e a execución de melloras e actuacións por 1,5 millóns de euros

Martes 29 de abril do 2014

No apartado de mocións, a sesión supuxo luz verde para unha proposta conxunta de todos os grupos municipais para solicitar que se manteña o partido xudicial de Carballo, en risco de ser suprimido segundo recollen as directrices do anteproxecto de Lei orgánica do poder xudicial. Segundo este anteproxecto, tan só se manterían os xulgados das cabeceiras provinciais. Porén, a moción non saíu adiante co texto orixinal, senón con dúas modificacións. Así, a parte de exposición de motivos recolleuse finalmente do texto elaborado polo Colexio de Avogados da Coruña, mentres que a parte resolutiva entresacouse dun acordo aprobado o venres 25 de abril pola Deputación provincial. Seguindo co apartado de mocións, non saíron adiante dúas presentadas por TEGA e unha polo PP. A primeira de TEGA solicitaba a reparación do camiño que vai a Porto da Rama e que se elabore un proxecto de asfaltado para que no próximo POS se inclúa con prioridade esta obra, ao que o goberno alegou que a actuación está incluída no proxecto de reparación de camiños que se realizará con cargo ao remanente de tesourería.

A segunda moción de TEGA propoñía despexar a entrada da Avenida das Flores no entronque coa Avenida de Malpica a través dunha permuta do solar coñecido como casa Periscal por un solar que o Concello posúe no anterior polígono 29 e situado na futura rúa Nicaragua. O goberno explicou que mentres o novo PXOM non reciba o visto e prace a ordenación urbanística está rexida polas normas subsidiarias polo que non é o momento axeitado para realizar este tipo de actuacións urbanísticas. Por último, tampouco saíu adiante unha moción do PP que pedía a inclusión no POS do arranxo do camiño de Arnela a Leira. A sesión plenaria do mes de abril tamén incluíu na orde do día varios asuntos de trámite que saíron adiante por unanimidade de todos os membros da corporación. Varios deles están relacionados coa recente disolución do Padroado Deportivo Municipal. Así, aprobouse o Regulamento do Consello Deportivo Municipal do Concello de Carballo. Este consello créase en substitución do desaparecido Consello Reitor do Padroado, e contará coa representación dun membro de cada un dos grupos políticos da corporación; de cinco representantes dos clubs e entidades deportivas elixidos polas propias entidades; e dun representante doutras asociacións municipais como ANPAs ou asociacións de veciños que adoitan celebrar citas deportivas.

Sorteo para as eleccións europeas e informe de morosidade

Así mesmo, saíu adiante a normativa de uso das instalacións deportivas do Concello, que non rexistra cambios excepto para a simplificación dalgúns puntos. E tamén aprobouse por unanimidade un acordo para a imposición e ordenación de taxas nas instalacións deportivas municipais, Ordenanza número 22. Neste caso, o cambio supón un cambio nominal xa que se pasa de prezos públicos a taxas, pero non implica ningunha variación nos importes dos abonos, aínda que si a incorporación das taxas de uso do Circuíto Municipal de Motor de Bértoa. A sesión, que durou pouco máis de hora e cuarto e que contou con ata doce asuntos na orde do día, recolleu a ratificación dun decreto sobre unha cuestión técnica respecto da garantía do contrato de limpeza viaria do que Aspaber-UTE é a empresa adxudicataria; e realizouse o sorteo para a selección dos compoñentes das mesas electorais para as Eleccións Europeas que terán lugar o 25 de maio de 2014. Para rematar, no apartado de seguimento de órganos de Alcaldía, deuse de conta do Informe de intervención e tesourería do cumprimento da Lei 15/2010 de xullo de loita contra a morosidade. No primeiro trimestre de 2014, o Concello de Carballo pagou dentro do prazo esixido por lei de 30 días un total de 999 facturas por un importe de 2.025.502 euros cun período medio de pago de 14,85 días. Fóra do prazo establecido por lei, rexistráronse 48 facturas por un custo de 204.017,16 euros.

Compartir: