Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Carballo Basket festexou a súa vitoria...

NO CAMPIONATO DE ESPAÑA LEVARÁN O LEMA "CARBALLO A UN PASO"

O Carballo Basket festexou a súa vitoria na Liga Galega Infantil recibindo o trofeo de Campión na Casa do Concello

Venres 4 de abril do 2014

Entre os agradecementos, ademais dos parabéns aos xogadores, ninguén se esqueceu do equipo técnico, porque "sodes un exemplo", en verbas de Ferrero; nin das nais e pais, cos seus "sacrificios durante toda a tempada". Do mesmo xeito, Diego Vázquez tamén quixo lembrar "a todas as categorías do club, que son o reflexo do modelo Basket Xiria". Ademais, e como valedores do nome de Carballo en Cambados, cando se enfronten a equipos de toda España, o Basket Xiria infantil levará unha camiseta co lema turístico e identificativo "Carballo a un paso". O Concelleiro de Promoción Económica, presente no acto xunto co de Deporte, Marcos Trigo, expresou que o novo equipamento é "un agasallo" para Carballo, levando os rapaces a marca do Concello como "un valor engadido". O acto rematou coa foto de familia (na imaxe) e o equipo levantando un trofeo que o presidente da Federación espera "sexa o primeiro de moitos", aínda que o deporte non sexa só "gañar ou perder, senón educación e valores".

O Carballo Basket proclamouse campión galego na categoría infantil no último partido da tempada, no que se impuxo ao Estudiantes de Lugo por 72-56. Ademais de acadar un título histórico, o equipo carballés representará a Galicia no Campionato de España de Clubs, que se disputará en Cambados no mes de xuño, e no que terá como rivais aos mellores equipos da categoría do Estado. O Carballo Basket infantil culmina así unha tempada na que se proclamou campión da Copa Galicia e campión da Liga Galega, na que competía por primeira vez na sú a historia e na que só perdeu un partido. O equipo que conseguiu o doblete na presente tempada está composto polos seguintes xogadores e equipo técnico: Arturo Ferraces Martínez, adestrador; Héctor Añón Rodríguez, axudante; Jorge Mato Andrés (base, 1,68 de altura); Iago Caamaño Serra (escolta, 1,65); Roi Navarro Sánchez (aleiro, 1,78); Martín Vidal Otero (pívot, 1,88); Anxo Estany Gómez (ala-pívot, 1,88); Javier López Pardo (escolta, 1,75); Luciano Calvo Eirís (aleiro, 1,70); Enrique Melini Pose (base, 1,88); Alejandro Estramil Reyes (aleiro, 1,65); Javier Souto Pallas (ala-pívot, 1,80).

Compartir: