Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo participa en dous proxectos europeos que...

INSERCIÓN LABORAL

Carballo participa en dous proxectos europeos que fomentan a igualdade de oportunidades

Xoves 25 de agosto do 2005

Carballo súmase así a un amplo número de concellos e de asociacións sen ánimo de lucro que colaboran nestes proxectos sociais en toda Galicia. O Proximitas ten un obxectivo moi amplo. Dunha banda a inserción laboral das mulleres ás que lles ofrece unha formación especializada e, da outra, o servizo de atención que se lle ofrece a persoas con especiais necesidades como nenos, anciáns ou discapacitados.

O proxecto Equal desenvolve estratexias para facilitar o acceso ao mercado laboral de mulleres con cargas familiares. A outra parte do proxecto céntrase na redución de desequilibrios entre homes e mulleres no traballo, para isto cóntase con algunhas iniciativas como as auditorías de xénero.

Neste programa colaboran tres equipos de traballo: o de Carballo - que está activo dende o 18 de xullo - o de Cerceda e o da Coruña. Canto ao proxecto Proximitas, os cursos de formación celébranse en todos os concellos da provincia da Coruña de menos de 50.000 habitantes. O primeiro curso celebrado en Carballo foi o de Lecer e tempo libre para a terceira idade, entre o 15 de xuño e o 8 de xullo.

Compartir: