Inicio Carballo ao día Novas Adxudicadas as obras de construción do...

Adxudicadas as obras de construción do centro social de Ardaña, financiadas con fondos municipais con 311.333 euros

O edificio foi concibido segundo as necesidades do movemento asociativo da parroquia

Luns 13 de febreiro do 2017

O concelleiro de Obras e Servizos e o alcalde, na parcela de Ardaña que albergará o centro social

O concelleiro de Obras e Servizos e o alcalde, na parcela de Ardaña que albergará o centro social

A Xunta de Goberno Local adxudicou hoxe á empresa Construcciones López Cao as obras do centro social de Ardaña, que serán financiadas integramente con fondos municipais. O Concello de Carballo investirá 311.333 euros no edificio, que arrancará en breve e estará rematado este mesmo ano.

O centro social de Ardaña levantarase nunha parcela de 2.556 m2 adquirida a medias entre o Concello de Carballo e a parroquia, utilizando o modelo de colaboración que tan bos resultados está a dar na consecución de novas infraestruturas e servizos para o rural. A finca ten moi boa situación, a 100 metros da estrada de Santiago e a 70 metros da igrexa, e dada a súa superficie poderanse habilitar un aparcamento e un amplo espazo aberto de uso público.

Recreación en 3D do edificio

Recreación en 3D do edificio

En canto ao proxecto, o arquitecto carballés Fernando Añón deseñou un edificio de 417,09 metros cadrados (368,31 útiles) que se distribúen entre o soto, que albergará as instalacións e un almacén, e a planta baixa, que acollerá unha sala multiusos de 116,12 metros cadrados, un salón social, un aula, o vestíbulo, 4 aseos, almacén e un porche de 68,21 m2. O centro social de Ardaña terá dous volumes claramente diferenciables, con distintas alturas e cor: o máis alto e claro será o formado polo acceso e o salón de actos, e no máis baixo e escuro estarán as estancias de menor tamaño.

A distribución dos espazos realizouse segundo as necesidades manifestadas polo movemento asociativo. O edificio quedará totalmente rematado e equipado, xa que a oferta de Construcciones López Cao inclúe tamén tres melloras sen custe adicional que consistirán, en primeiro lugar, na instalación do mobiliario e unha tarima de escenario no salón de actos; en segundo lugar, un tabique móbil acústico que permitirá flexibilizar o uso do salón principal, e, por último, a urbanización dunha superficie de 900 m2 no entorno próximo ao edificio. As melloras están valoradas nuns 90.000 euros.

Compartir: