Inicio Carballo ao día Novas Asinado o contrato para a construción do...

Asinado o contrato para a construción do centro social de Ardaña, que entrará en funcionamento este mesmo ano

O Concello de Carballo investirá 311.333 euros no edificio, que foi deseñado para dar resposta ás necesidades do movemento asociativo da parroquia

Martes 21 de febreiro do 2017

A sinatura do contrato tivo lugar este mediodía na Alcaldía

A sinatura do contrato tivo lugar este mediodía na Alcaldía

A rede municipal de centros sociais terá unha nova incorporación antes de que remate o ano, porque as obras de construción do centro social de Ardaña comezarán nos vindeiros días e estarán listas nun prazo aproximado de sete meses, segundo as previsións da empresa Construcciones López Cao, adxudicataria do proxecto. Hoxe tivo lugar a sinatura do contrato, nun acto no que, xunto ao representante da construtora, estiveron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo, e o arquitecto que elaborou o proxecto do edificio, Fernando Añón.

O Concello de Carballo realizará un investimento de 311.333 euros con recursos propios. O centro social de Ardaña levantarase nunha parcela de 2.556 m2 adquirida a medias coa parroquia. Será un edificio de 417,09 metros cadrados (368,31 útiles) que se distribúen entre o soto, que albergará as instalacións e un almacén, e a planta baixa, que acollerá unha sala multiusos de 116,12 metros cadrados, un salón social, un aula, o vestíbulo, 4 aseos, almacén e un porche de 68,21 m2. A distribución dos espazos realizouse segundo as necesidades manifestadas polo movemento asociativo. Botádelle unha ollada ás imaxes que aparecen ao final da nova para ver como vai quedar.

O edificio quedará totalmente rematado e equipado, xa que a oferta de Construcciones López Cao inclúe tamén tres melloras sen custe adicional que consistirán na instalación do mobiliario e unha tarima de escenario no salón de actos; un tabique móbil acústico que permitirá flexibilizar o uso do salón principal, e a urbanización dunha superficie de 900 m2. As melloras están valoradas nuns 90.000 euros.



Galería

Compartir: