Inicio Carballo ao día Novas O alcalde de Carballo asina contratos de obras e...

O alcalde de Carballo asina contratos de obras e servizos por valor superior a 460.000 euros

Os contratos coas empresas de control de pragas, xestión do horto infantil e pintura viaria garanten a prestación destes servizos por un prazo mínimo de tres anos

Mércores 26 de abril do 2017

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou nunha mesma mañá catro contratos con outras tantas empresas por un total de 461.723,54 euros.

O de maior importe corresponde á obra de reurbanización da contorna do CEIP Xesús San Luís Romero, que foi adxudicada a Construcciones López Cao por 182.975,54 euros. A empresa dispón dun prazo de 4 meses para executar o proxecto, que afecta ás rúas Saturnino Cuíñas, Xesús San Luís Romero e Fotógrafo Xosé Vidal. As dúas últimas serán de plataforma única, xa que o obxectivo da actuación, que inclúe tamén a instalación e/ou renovación dos servizos, e mellorar a mobilidade nun ámbito frecuentado maioritariamente por nenos e nenas.

Os outros tres contratos asinados correspóndense con distintos servizos, entre eles o de xestión do horto ecolóxico infantil, tamén relacionado coa poboación escolar. A empresa Atlantic Ponte 2000 encargarase do horto por un período de tres anos e por un prezo total de 100.188 euros (33.396 ao ano). Deste xeito garántese a estabilidade do servizo, que conta cada vez con maior demanda, e que botará a andar xa a partir da vindeira semana.

Tamén é inminente o inicio dos traballos de sinalización viaria, obxecto doutro dos contratos asinados. Neste caso a empresa adxudicataria é Serovial, que tamén se encargará durante os próximos tres anos, cun orzamento total de 135.000 euros, de manter en perfectas condicións a pintura das vías e espazos públicos. Os operarios empezarán a traballar pola zona costeira de cara á temporada de verán.

Finalmente, Evencio Ferrero asinou co representante da empresa Plaguiber o contrato para o servizo de control de pragas urbanas –inclúe desratización, desinfección e desinsectación- por un período de catro anos e un prezo global de 43.560 euros. A maiores, a empresa encargarase tamén da instalación de trampas e da retirada e control de niños de vespa velutina, neste caso cun custe unitario de 55,66 euros por niño retirado e de 7,26 euros por trampa.

Compartir: