Inicio Carballo ao día Avisos Licitación do contrato de redacción...

Licitación do contrato de redacción do plan especial de protección infraestruturas e dotacións en Arnados-Razo

Venres 12 de maio do 2017

O Boletín Oficial da Provincia pública o anuncio de licitación do plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados-Razo. O obxectivo é a ordenación integral dunha superficie de 312.811 metros cadrados, que se corresponde co solo rústico existente entre o núcleo de Razo da Costa ata o monte Peados, aproximadamente. Por unha banda, o documento ten que cumprir os obxectivos establecidos no Plan de Ordenación do Litoral (POL) para esa zona, preservar o medio ambiente do litoral costeiro, os espazos naturais e a paisaxe, e recuperar e protexer as áreas degradadas e os areais. Pero ademais de garantir a protección, o plan debe prever as dotacións, infraestruturas e redes de servizos suficientes para o desenvolvemento dese ámbito. Neste sentido, o estudo servirá para delimitar as áreas susceptibles de acoller, por exemplo, aparcamentos, actividades deportivas, instalacións turísticas compatibles ou accesos ás praias. O obxectivo do Concello de Carballo é que de forma simultánea se realice tamén un estudo de detalle da fachada litoral de Arnados.

O Concello de Carballo establece un presuposto base de licitación de 114.950 euros. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 6 de xuño. O anuncio está dispoñible no BOP do 12 de maio e as bases do procedemento, no perfil do contratante deste web.

Descargas

Compartir: