Comeza a funcionar o Rexistro Electrónico Municipal
A cidadanía poderá presentar solicitudes, escritos e comunicacións as 24 horas do día e os 365 días do ano sen necesidade de desprazarse ata a Casa do Concello
Martes 23 de maio do 2017
Dentro do proceso de implantación da administración electrónica, este 24 de maio comeza a funcionar o rexistro electrónico, que permitirá á cidadanía presentar solicitudes, escritos e comunicacións as 24 horas do día e os 365 días do ano sen necesidade de desprazarse ata a Casa do Concello.
O rexistro electrónico estará dispoñible a través do enderezo https://www.sede.carballo.org da sede electrónica do Concello de Carballo, á que tamén se poderá acceder dende a web municipal http://www.carballo.gal
O rexistro electrónico estará dispoñible a través do enderezo https://www.sede.carballo.org da sede electrónica do Concello de Carballo, á que tamén se poderá acceder dende a web municipal http://www.carballo.gal. A través destas dúas vías de acceso atoparase unhas relacións actualizadas das solicitudes, escritos e comunicacións que poden presentarse, así como os soportes a través dos cales poderá manterse a comunicación entre o Concello de Carballo e calquera persoa física ou xurídica. As persoas usuarias poderán consultar e facer un seguimento dos procedementos tramitados por vía electrónica previa identificación a través do DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos, que serán imprescindibles para operar co novo sistema. O rexistro electrónico emitirá un recibo acreditativo da documentación presentada.
En cumprimento da Lei 39/2015 estarán obrigadas a utilizar o rexistro electrónico as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, os profesionais de actividades que requiran colexiación obrigatoria, notarios, rexistradores da propiedade e mercantís, quen represente a un interesado que estea obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración e os empregados das Administracións Públicas. Excepcionalmente, e durante o prazo dun ano, poderán seguir utilizando o rexistro de entrada presencial as entidades sen personalidade xurídica ou asociacións “que pola súa capacidade económica, técnica, dedicación ou outros motivos non teñan acceso ou dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios”. Para as persoas físicas a utilización do rexistro electrónico terá carácter preferente, pero será voluntaria.
Os rexistros presenciais seguirán funcionando, aínda que nos vindeiros días, e durante o período de implantación do rexistro electrónico, só estará operativo o rexistro xeral da Casa do Concello, en horario de 09.30 a 13.30 horas. Puntualmente informarase a reapertura das oficinas auxiliares sitas no edificio do antigo ambulatorio, no Pazo da Cultura, no Fórum Carballo e na sede de Carballo Deporte, que funcionarán de 11 a 13.30 horas.